Encarna Otero Cepeda e a asociación Andar cos tempos gañan o VIII Premio Begoña Caamaño á acción cultural pola igualdade de xénero
Na modalidade 'Traxectoria', o xurado salientou que a traxectoria vital, labor profesional e o activismo transversal de Encarna Otero
Na modalidade 'Iniciativa', o xurado destacou da asociación Andar cos tempos o impacto social das súas intervencións, que supoñen un cambio de paradigma na música tradicional galega cunha perspectiva feminista e non heteronormativa
A escritora e activista compostelá Encarna Otero Cepeda, na modalidade 'Traxectoria', e a asociación Andar Cos tempos, na modalidade 'Iniciativa', son as dúas propostas gañadoras do VIII Premio "Begoña Caamaño" á acción cultural pola igualdade de xénero. Este certame, que convoca a área de Cultura da Deputación da Coruña, busca cada ano recoñecer e poñer en valor traxectorias de colectivos e persoas comprometidas coa promoción da igualdade de xénero desde o pensamento feminista e desde o campo da cultura, tanto no ámbito territorial da provincia como no conxunto do país.
O xurado desta oitava edición estivo presidido pola deputada de cultura, Natividade González, e composto por Lucía Canoura Sánchez, do Observatorio da Mariña pola Igualdade, pola xornalista María Obelleiro Hermida, o artista Sergio Díaz Marey, a escritora Eva María Mejuto Rial e a investigadora Daniela Ferrández Pérez. Como secretaria actuou Manuela Muñiz Souto, xefa do Servizo de Acción Social, Cultural e Deportes.
O xurado decidiu premiar a Encarna pola súa traxectoria vital, "xa que foi pioneira en introducir a perspectiva de xénero na Administración Pública e unha activista a prol do feminismo desde unha perspectiva de país". Tamén pola súa labor profesional poñendo en valor a historia das mulleres galegas. "É unha activista transversal", destacou.
No caso da asociación Andar Cos Tempos, o xurado recoñeceu o seu labor "por ser un cambio de paradigma dentro da música tradicional galega cunha perspectiva feminista e non heteronormativa, actualizando e revisando a tradición desde a orixe para facela máis igualitaria." Tamén destacou "o impacto social das súas intervencións a través de diferentes formatos como obradoiros, relatorios ou campañas, tamén fóra de Galicia".