Estás en:Emprego Novas
#HoxeEscriboEn 2024

Microrrelatos para viaxar polos concellos da provincia da Coruña

 93 concellos da provincia dan para moito escribir, e por iso lanzamos unha nova edición do concurso #HoxeEscriboEn no que a Biblioteca Provincial e Turismo da Deputación da Coruña nos unimos para animarvos cada verán a escribir sobre os vosos lugares dentro da provincia da Coruña.

Microrrelatos para viaxar polos concellos da provincia da Coruña

 

Desde a Biblioteca Provincial e Turismo da Deputación da Coruña queremos animarte a que escribas e saques á luz o teu talento creativo, ao mesmo tempo que fomentas o patrimonio do teu concello: redacta un microrrelato ambientado ou referido a un dos 93 concellos da provincia da Coruña; pode estar relacionado coa historia local, cunha lenda, cunha tradición do teu concello, cun persoeiro destacado, cos valores positivos do teu concello, a riqueza natural, cultural ou medioambiental... calquera aspecto que axude a destacar o lugar no que vives.  Presume do teu concello!

 

Achegamos as BASES COMPLETAS, o cartel desta edición e tamén unha serie limitada de marcapáxinas con lugares da provincia para a promoción do concurso, que podedes conseguir nas bibliotecas municipais e nas oficinas de turismo da provincia.

FORMULARIO PARA ENVIAR O TEU RELATO 

Bases completas do concurso #HoxeEscriboEn 2024:

Relatos para viaxar polos concellos da provincia da Coruña

1. Primeira. – Obxecto
O obxecto do concurso é o fomento do talento creativo, a animación á escritura e á lectura, e a difusión do patrimonio cultural e turístico dos concellos da provincia da Coruña, axudando a sensibilizar sobre o patrimonio cultural, natural e medioambiental de cada un, e a importancia de preservalo. Para isto a Biblioteca Provincial xunto coa Sección de Turismo da Deputación da Coruña convocan un concurso de microrrelatos sobre o patrimonio dos concellos da Provincia.

2. Segunda. – Participantes
Poderán participar tódalas persoas físicas, maiores de idade, usuarios ou non da Biblioteca Provincial da Deputación da Coruña, de xeito libre. Quedan excluídas todas aquelas persoas con calquera tipo de relación laboral coa Biblioteca Provincial e coa Sección de Turismo da Deputación da Coruña.

3. Terceira. – Formato
Os microrrelatos presentados ambientaranse ou farán referencia a algún dos concellos da Provincia da Coruña, non sendo preciso que o autor resida nel. Poderán estar relacionados coa historia local, lendas propias, tradicións do pobo, persoas destacadas, valores positivos do concello, a riqueza natural, cultural ou medioambiental do seu territorio, ou calquera outro aspecto que axude a resaltar o patrimonio do concello.

Deberán estar escritos en galego ou castelán, ser inéditos e non ter sido presentados en ningún outro concurso.

O texto terá unha extensión máxima de 500 palabras.

4. Cuarta. – Forma de presentación
A presentación dos relatos farase a través do formulario habilitado na web da Biblioteca da Deputación da Coruña.
O formulario atópase na web da biblioteca https//www.dacoruna.gal/biblioteca seguindo a ruta: Actividades > Concursos > Concurso #HoxeEscriboEn > Edición 2024
Tamén podes acceder premendo na seguinte ligazón: https://forms.gle/R8fcFbbn6VUaowWBA 
Cada participante deberá realizar unha inscrición indicando o seu nome e apelidos, concello da provincia desde o que participa e no que se ambienta o relato, teléfono de contacto e enderezo postal.
O microrrelato non pode superar as 500 palabras.

Cada persoa poderá participar cantas veces queira, cumplimentando un formulario por cada unha das participacións.
Para solventar dúbidas do concurso, podes contactar enviando un correo electrónico a biblioteca.info@dacoruna.gal ou no teléfono 981080176.


5. Quinta. - Prazo de presentación
O prazo de presentación do/s microrrelatos é do 1 de xullo de 2024 ao 31 de agosto de 2024, ámbolos dous incluídos. 


6. Sexta. – Xurado
Os microrrelatos serán valorados por un xurado especializado, e a súa decisión será inapelable. A valoración basearase en criterios de orixinalidade, calidade na redacción, calidade lingüística e aproximación á temática proposta nas bases Primeira e Terceira.


7. Sétima. –Premio
O primeiro premio consistirá nunha estancia para dúas persoas dunha noite, con almorzo e cea incluídos, nun establecemento tipo cabanas rurais da provincia da Coruña.
O segundo premio consistirá nunha estancia para dúas persoas dunha noite, con almorzo incluído, nun establecemento rural da provincia da Coruña.
O terceiro premio consistirá nunha comida ou cea para dúas persoas nun establecemento da provincia da Coruña.
Amáis, entre os participantes, sortearanse varios lotes de produtos da provincia.
As persoas que resulten galardoadas recibirán a comunicación por teléfono ou correo electrónico e publicaranse nas redes sociais e web da biblioteca.
As datas de desfrute dos premios serán concretadas coas persoas gañadora, unha vez resolto o concurso.


8.   Oitava. –Entrega do premio
A entrega dos premios terá lugar nun acto público que se realizará na Biblioteca provincial da Deputación da Coruña. Salvo por razóns de forza maior, as persoas gañadoras deberán estar presente no acto de entrega do premio.
Os lotes de produtos da provincia, que se sortearán entre as persoas participantes, serán enviados por correo postal ao enderezo sinalado polos participantes na incripción, tal e como se especifica na base cuarta.


9.   Novena. – Dereitos e deberes
A participación no concurso leva aparellada a autorización para publicar os microrrelatos, xunto co nome e apelidos das persoas participantes, nos diferentes medios impresos e dixitais que utiliza a Sección de Turismo da Deputación da Coruña, a Biblioteca, e a Deputación da Coruña; incluídas as redes sociais e a plataforma de préstamo dixital EbiblioDaCoruna.
Os microrrelatos presentados ao concurso de xeito incompleto ou que non se axusten ou incumpran as bases, así como aqueles de contido inadecuado, serán excluídos.
A participación no concurso implica a aceptación total destas bases, e que as persoas participantes se fan responsables da autoría e contido dos relatos, que non vulnerarán os dereitos á honra, á intimidade persoal/familiar e á propia imaxe de terceiras.

 

 

Visítanos en   Chámanos ao 981 080 509, escríbenos a  pel@dacoruna.gal , realiza unha consulta (formulario) ou solicita unha cita presencial X