A Deputación presenta en ‘Viñetas desde o Atlántico’ o cómic Historia do Mosteiro de Caaveiro. Un lugar milenario no corazón das fragas do Eume
O Quiosco Afonso acolleu esta mañá a presentación da obra, que contou coa presenza dos deputados de patrimonio e contratación, Xosé Penas e de cultura, Natividade González; o xefe de arquitectura da Deputación, Daniel Beiras; e os autores do cómic Ismael Blanco, Delio Rodríguez, e Lois Gómez
Trátase dunha iniciativa da área de patrimonio da entidade provincial para poñer en valor a historia, arquitectura e o patrimonio de Caaveiro a través da linguaxe da banda deseñada
"Trátase dun traballo singular e máxico que fala de patrimonio, arquitectura, historia, revoltas, sociedade... e que, dende a banda deseñada, se materializa nunha peza que chega a todos os públicos" sinalou o deputado de patrimonio, Xosé Penas
A Deputación da Coruña presentou nesta terceira xornada de 'Viñetas desde o Atlántico' o cómic Historia do Mosteiro de Caaveiro. Un lugar milenario no corazón das fragas do Eume. O deputado de patrimonio e contratación, Xosé Penas; a deputada de cultura, Natividade González; o xefe de arquitectura da Deputación, Daniel Beiras; o guionista Ismael Blanco; o ilustrador, maquetador e coautor do guión, Delio Rodríguez, e o documentador e coautor do guión, Lois Gómez foron os encargados de presentar esta iniciativa que impulsou a área de patrimonio da entidade provincial, co obxectivo de poñer en valor a historia, arquitectura e o patrimonio de Caaveiro a través da linguaxe da banda deseñada.
O xefe do servizo de arquitectura da Deputación, Daniel Beiras, deu a benvida ao acto e fixo referencia a Caaveiro, "un lugar na natureza, onde ten tanta importancia o monumento como a paisaxe" que se plasma "neste cómic que comeza nun lugar natural, e que se desenvolve nun mosteiro singular".
O deputado de patrimonio sinalou que se trata "dun traballo singular e sobre todo máxico, que fala de patrimonio, arquitectura, historia, revoltas, sociedade, e que, dende a banda deseñada, se materializa nunha peza que chega a todos os públicos". Ademais, Xosé Penas adiantou que "este cómic é o punto de partida do proxecto de musealización de Caaveiro, gran museo do Reino de Galiza, que vai falar de historia en maiúsculas, pero que tamén será innovadora, moderna e integral". Penas invitou ao público a desfrutar do cómic, "e dese exercicio de contemplación que sempre é achegarse ao mosteiro de Caaveiro, facéndoo viñeta tras viñeta na lectura e visualización desta obra".
Os autores do cómic, posteriormente, falaron do seu proceso de creación. O guionista Ismael Blanco sinalou que "é un libro ilustrado, unha maneira de utilizar o corredor científico e pasalo á historieta". Salientou a importancia do "traballo en equipo, con perfís moi diferentes" para, a través deste cómic, "divulgar a historia, mitoloxía, lendas e tradicións dun mosteiro que se localiza nun espazo tan auténtico como as Fragas do Eume e, ao mesmo tempo, sensibilizar da sorte que temos de contar con este recurso".
O documentador e coautor do guión, Lois Gómez explicou o proceso para "recrear os espazos de Caaveiro, personaxes, contexto...", así como todos os detalles de documentación histórica "cunha mirada moi intensa ao mundo románico de Caaveiro". E, por último, o ilustrador, maquetador e coautor do guión, Delio Rodríguez agradeceu "a implicación da Deputación e a participación de todas as persoas que nos axudaron para crear esta historia que se desenvolveu nunha época da que temos moi pouca documentación gráfica". Delio Rodríguez afirmou tamén que, no cómic, "as estacións son unha metáfora e, ao mesmo tempo, un vehículo. Contamos a historia de Caaveiro ao longo desas estacións. Ao mesmo tempo que cambia o mosteiro, cambia tamén a cor e o ambiente, xa que considerei fundamental crear ambientes e esencias".