Estás en:Emprego Novas

A Deputación e o Concello de Outes invisten 270.543 euros na instalación de novo céspede artificial no campo de fútbol do municipio

Valentín González Formoso visitou hoxe o municipio, onde asinou co alcalde o convenio para o financiamento das obras do campo de fútbol do Conchido e destacou a importancia do Plan Único para mellorar as infraestruturas e servizos municipais

O Plan Único inviste este ano en Outes preto de 1 millón de euros e desde a súa creación financiou 80 obras no municipio, con 6,5 millóns de euros

A Deputación e o Concello de Outes invisten 270.543 euros na instalación de novo céspede artificial no campo de fútbol do municipio

A Deputación da Coruña colaborará co Concello de Outes no financiamento das obras de renovación do terreo de xogo do campo de fútbol de Conchido, ao que se dotará de céspede artificial de última xeración. As obras supoñen un investimento total de 270.543 euros, dos que a Deputación achegará 140.000 €, algo máis do 51 %.

Así se recolle no convenio asinado esta mañá en Outes polo presidente provincial, Valentín González Formoso, e o alcalde do municipio, Manuel González, que agradeceu o "imprescindible apoio económico" da Deputación para que estas obras podan executarse.

O presidente, o alcalde e o segundo tenente de alcalde e concelleiro de Deportes, José Antonio Caamaño, acompañados das deputadas provinciais Soledad Agra Tuñas e Mar García Vidal e dos portavoces dos distintos grupos políticos da corporación municipal, visitaron o campo de fútbol do Conchido, onde se executarán as obras que permitirán, ademais de renovar o terreo de xogo, ampliar a superficie de herba artificial en algo máis de 2 metros de ancho e largo, resultando un campo de 60 x 100 metros, e que estará delimitado por varandas e cun sistema de rego e drenaxe perimetral para o seu adecuado mantemento.

Formoso afirmou que as obras permitirán recuperar a actividade deportiva e os adestramentos dos equipos locais no campo de fútbol de Conchido, cuxo terreo de xogo está deteriorado tras moitos anos de uso e presenta afundimentos nalgúns puntos, e lembrou que a Deputación mellorou ou renovou as instalacións de máis de 100 campo de fútbol na provincia nos últimos anos, a maior parte deles grazas aos investimentos do Plan Único.

Neste sentido, lembrou que o Plan Único financiará tamén con 60.000 euros as obras de renovación do alumeado deste campo de fútbol e do polideportivo municipal de Outes mediante a instalación de proxectores LED que mellorarán a iluminación de ambos recintos deportivos e supoñen unha notable mellora no consumo eléctrico.

80 obras do Plan Único en Outes, que recibe este ano preto de 1 millón de euros

Valentín González Formoso destacou a "importancia clave" dos investimentos do Plan Único (POS+) para a execución de obras e a mellora de servizos públicos nos municipios da provincia, especialmente naqueles máis pequenos, que contan con menos recursos. "O Plan Único supón que os concellos coruñeses reciben hoxe tres veces máis fondos que en épocas anteriores e dálles absoluta liberdade para decidir en qué os empregan, en función das necesidades de cada un", resumiu o presidente.

"O Plan Único supera en 2024 os 100 millóns de euros. Para un municipio como Outes, isto supón que recibirá preto de 1 millón de euros; pero desde a súa creación son xa máis de 6,5 millóns de euros investidos en Outes, que financiaron 80 obras que melloran a calidade de vida da veciñanza. Obras como acondicionamento de instalacións deportivas ou da Casa da Cultura, ampliación de servizos básicos como o saneamento e o abastecemento de auga nas distintas parroquias, a pavimentación de camiños e estradas rurais ou humanización de espazos públicos como a rúa Capela", resumiu o presidente, que destacou que tamén se produciron importantes investimentos na mellora de estradas provinciais nos últimos anos, como a avenida de San Campio.

Pola súa banda, o alcalde agradeceu a visita de Valentín González Formoso e o apoio da Deputación ao concello a través do Plan Único "que é a ferramenta fundamental para que os concellos podan realizar obras e tamén financiar os seus gastos correntes".

"A mellora do campo de fútbol é unha antiga demanda do Outes FC e non se podería levar a cabo sen esta axuda da Deputación", afirmou Manuel González, que aclarou que as obras se realizarán ao final da presente tempada para non interferir na competición".

Formoso, González e Caamaño visitaron tamén a Casa da Cultura, onde se van realizar obras financiadas co Plan Único da Deputación cun investimento de 31.474 euros. Os traballos inclúen accións de mantemento do exterior do edificio e unha reforma do auditorio interior para gañar en visibilidade e comodidade do público. Para isto elevaranse as gradas existentes e aproximaranse as butacas ao escenario. No exterior realizaranse pequenas tarefas de limpeza, amaño de gretas e pintado.

Outro dos asuntos tratados na visita de hoxe foi o proxecto para a humanización da rúa da Vila, un céntrico vial do municipio, que o goberno municipal quere levar a cabo co apoio da Deputación para mellorar a accesibilidade peonil nunha zona que no seus primeiros 300 metros linda coa estrada provincial DP 3404.

Visítanos en   Chámanos ao 981 080 509, escríbenos a  pel@dacoruna.gal , realiza unha consulta (formulario) ou solicita unha cita presencial X