Estás en:Emprego Novas

O Laboratorio Ecosocial do Barbanza interésase polo modelo do Centro de Transformación A Fusquenlla e da Rede de Espazos de Coworking da Deputación da Coruña

O centro de Moeche, referente na transformación de produtos agroalimentarios, é un dos 11 espazos de coworking que impulsa a Deputación na provincia e contribúe ao desenvolvemento do rural

A deputada de Emprego, Rosa Ana García, visitou hoxe o centro cos responsables do Laboratorio Ecosocial do Barbanza para explicar o modelo de funcionamento

Froito desta visita xorden novas formas de colaboración co Laboratorio Ecosocial do Barbanza, un proxecto financiado con fondos europeos grazas ao apoio da Fundación Biodiversidad do MITECO

O Laboratorio Ecosocial do Barbanza interésase polo modelo do Centro de Transformación A Fusquenlla e da Rede de Espazos de Coworking da Deputación da Coruña

A deputada de Emprego, Industria, Medio Ambiente e Política Demográfica, Rosa Ana García, visitou o Centro de Transformación A Fusquenlla de Moeche, un dos 11 centros integrados na Rede Provincial de Espazos de Coworking da Deputación da Coruña, xunto con representantes do Laboratorio Ecosocial do Barbanza, que se interesaron no modelo da Rede e no funcionamento do centro. Na visita participaron tamén a deputada Cristina García Rey e a alcaldesa de Moeche, Beatriz Bascoy.

O Centro de Transformación A Fusquenlla posicionouse como un referente na valorización de produtos locais do campo e da horta. Este centro, dedicado á transformación de produtos agroalimentarios baixo criterios de sustentabilidade e calidade, está a contribuír significativamente ao fortalecemento do tecido empresarial rural e promovendo o desenvolvemento económico e social da zona. cun especial enfoque na sustentabilidade e o respecto polo medio ambiente.

Dando servizo aos municipios de Cerdido, Moeche, San Sadurniño, Valdoviño, Cedeira, Narón e As Pontes o Centro da Fusquenlla é un proxecto de referencia en Galicia, especialmente na transformación de alimentos. Este centro permite a pequenas explotacións e particulares da provincia da Coruña procesar as súas colleitas e elaborar produtos como conservas vexetais, zumes, marmeladas e mel, contribuíndo ao aproveitamento e transformación de produtos agroalimentarios locais e promovendo un sistema alimentario sostible.

O da Fusquenlla é un proxecto de especial interese para o Laboratorio Ecosocial do Barbanza, que busca conectar con outras iniciativas para poder aprender das súas experiencias e establecer unha rede de coñecemento sobre a xestión sustentable do territorio.

O Laboratorio Ecosocial do Barbanza nace para facilitar o cambio a un modelo multifuncional dos montes do Barbanza, e para impulsar a transición cara a sustentabilidade ambiental e a resiliencia do territorio ante os lumes forestais que a comarca sofre con frecuencia. O proxecto conta co apoio da Fundación Biodiversidad do Ministerio para la Transición Ecológica y el Reto Demográfico (MITECO) no marco do Plan de Recuperación, Transformación e Resiliencia (PRTR), financiado pola Unión Europea - NextGenerationEU.

Integran o Laboratorio Ecosocial do Barbanza a Fundación RIA (entidade coordinadora), a Plataforma pola Defensa do Monte, a Universidade de Santiago de Compostela (a través do CISPAC e os grupos de investigación Histagra e Uxafores), a Universidade Pablo de Olavide, o Concello de Rianxo e a Fundación Montescola.

Esta visita do Laboratorio ao Centro da Fusquenlla está relacionada coas accións dinamizadas neste proxecto pola Plataforma pola Defensa do Monte e que contan coa colaboración da CMVMC de Baroña, centradas en promover a gandería rexenerativa e a posta en marcha dun centro de transformación de materias primas no Barbanza.

Á visita asistiron Rafael Saco, presidente da Plataforma pola Defensa do Monte; Ovidio Queiruga, presidente da Comunidade de Montes Veciñais en Man Común de Baroña; e Adrián Capelo, representante da Fundación RIA e coordinador do proxecto; que xunto coa deputada Rosa Ana García compartiron ideas sobre o papel do Centro de Transformación A Fusquenlla como motor de oportunidades para o rural e reafirmaron o seu compromiso de seguir colaborando en iniciativas que promovan un futuro máis sustentable.

A Deputación da Coruña está a explorar novas iniciativas para impulsar o desenvolvemento sustentable tamén na comarca do Barbanza.

Visítanos en   Chámanos ao 981 080 509, escríbenos a  pel@dacoruna.gal , realiza unha consulta (formulario) ou solicita unha cita presencial X