Estás en:Emprego Novas

A Deputación presentou ‘Roma no Finis Terrae’, un proxecto sobre a expansión romana en Galicia

Financiado pola Deputación da Coruña a través do departamento de Patrimonio e dirixido desde a Universidade de Salamanca, recolle os datos das escavacións realizadas na fortificación do Castrillón, en Touro, e do castro e campamento de Santa Baia, na Laracha

"Somos conscientes da relevancia cultural, social e mesmo económica de coñecer esa inmensa parte do patrimonio que aínda agarda por nós baixo as nosas penas ou os nosos montes; e niso traballamos: en potenciar, visualizar o patrimonio coñecido e por en valor e sacar á luz o que aínda non coñecemos tanto", salientou o deputado de Patrimonio, Xosé Lois Penas

A Deputación presentou ‘Roma no Finis Terrae’, un proxecto sobre a expansión romana en Galicia

Presentouse esta mañá na sede provincial 'Roma no Finis Terrae', un proxecto de investigación que busca afondar no coñecemento sobre a presenza do exército romano nos confíns do continente europeo. Financiado pola Deputación da Coruña a través do departamento de Patrimonio e dirixido desde a Universidade de Salamanca, coa participación da empresa Tempos Arqueólogos e o colectivo de investigación Roman Army, o equipo de traballo escavou dous importantes xacementos: o castro e campamento de Santa Baia (A Laracha) e a fortificación do Castrillón (Touro). Os datos das intervencións tamén se deron a coñecer hoxe e poden consultarse na web http://romanarmy.eu/finis-terrae/.

No acto participaron o deputado de Patrimonio, Xosé Penas, e tres dos membros do equipo executor: o director do proxecto, Xosé Manuel Costa-García, profesor de Arqueoloxía na Universidade de Salamanca; o director arqueolóxico, Francisco Alonso Toucido, doutor en Historia, Xeografía e Historia da Arte pola Universidade de Santiago de Compostela (USC); e o responsable de divulgación, Manuel Gago, xornalista, escritor e profesor asociado na Facultade de Ciencias da Comunicación da USC.

"Dende a area de Patrimonio, en colaboración nesta ocasión co departamento de Cultura, sabemos da importancia do patrimonio como radiografía do que é e foi o noso país", afirmou Penas. "Por iso somos conscientes da relevancia cultural, social e mesmo económica de coñecer esa inmensa parte do patrimonio que aínda agarda por nós baixo as nosas penas ou os nosos montes. E niso traballamos: en potenciar, visualizar o patrimonio coñecido e por en valor e sacar á luz o que aínda non coñecemos tanto".

A aposta da Deputación, explicou o deputado, vai máis alá deste proxecto: "A mesma labor de recuperación estámola a facer en Portameiro (Val do Dubra), no Parque do Megalitismo da Costa da Morte, no Parque da Idade de Ferro ou en Compostela Rupestre, sempre co obxectivo único da preservación, conservación, protección e, sobre todo, divulgación; para que o patrimonio que representa a nosa historia e o noso pasado o poida seguir sendo; para evitar que no futuro haxa que conservar o que o pasado perdeu".

Tivo palabras de agradecemento Penas para o anterior deputado de Cultura, Xurxo Couto, "quen, desde o comezo, o mesmo que Xosé Manuel Costa, apostou por este proxecto tan importante para o noso patrimonio e a nosa historia".

A través dunha combinación de ilustracións artísticas —elaboradas por Alberto Taracido— e recreacións tridimensionais hipotéticas —da man do Centro Infográfico Avanzado de Galicia (CIAG) a partir de modelos dixitais, tanto dos xacementos como das sondaxes realizadas polo equipo de traballo—, o proxecto aposta por achegar á cidadanía dun xeito visual os resultados da investigación en xacementos arqueolóxicos efémeros e cunha cultura material moi limitada. A investigación continuará no xacemento do Cornado (Negreira) e no campamento da Cova do Mexadoiro (Trazo).

As intervencións arqueolóxicas leváronse a cabo nos meses de verán e outono de 2023. Os proxectos contaron, ademais, con visitas guiadas para a veciñanza da Laracha, Touro e visitantes de toda Galicia.

Visítanos en   Chámanos ao 981 080 509, escríbenos a  pel@dacoruna.gal , realiza unha consulta (formulario) ou solicita unha cita presencial X