Estás en:Emprego Novas

Mar García entregou a AMICOS un dos Distintivos de Benestar Social do Concello de Boiro

Con estes galardóns, o concello boirense recoñece a persoas, entidades e empresas a súa achega á sociedade

Mar García entregou a AMICOS un dos Distintivos de Benestar Social do Concello de Boiro

O Pazo de Goiáns acolleu esta tarde a terceira edición do Distintivo Benestar Social do Concello de Boiro, un acto que ten como finalidade recoñecer e promover a labor social e de voluntariado no municipio. O acto estivo presentado por Miryam, Martin, Tiziano, Ana e Irimia polo grupo de voluntariado Turbina que, durante o ano, leva a cabo diversas actividades e accións de voluntariado.

O Distintivo Benestar Social é un acto de recoñecemento público a persoas, empresas e entidades pola súa achega desinteresada e moi necesaria en beneficio da sociedade. Entréganse un total de seis galardóns a Inclusión, Entidade Social, Sector Empresarial, Méritos Extraordinarios, Superación e Exemplo e Voluntariado.

O acto comezou coa intervención do concelleiro de Política Social do Concello de Boiro e a proxección dun vídeo que pon en valor a 'rede de benestar' coa que conta Boiro, composta por entidades, empresas e asociacións. O concelleiro fixo entrega do distintivo de Inclusión á Federación Galega de Persoas Xordas e que recolleu o seu vicepresidente.

Participou no acto a deputada de Servizos Sociais da Deputación da Coruña, Mar García: que afirmou que neste acto recoñécese unha vez mais o gran labor que fan as empresas, entidades e persoas. "É necesario poñer en valor o traballo que facedes e que nos permite mellorar, progresar e achegarnos a unha inclusión real e efectiva", afirmou Mar García, que fixo entrega do galardón a Entidade Social, que foi para a Asociación AMICOS en recoñecemento dos anos de traballo no eido da discapacidade e a súa gran aposta pola concienciación ambiental, recolleron o premio Adriana Miguéns e Digna Iglesias, vicepresidenta da entidade.

O Director Xeral de Inclusión Social da Xunta de Galicia, Arturo Parrado, fixo entrega do distintivo Entidade Empresarial a Elisabeth Caballero, avogada que presta servizo xurídico a familias e estranxeiros e pola súa colaboración con entidades sociais e agradeceu estar novamente nun acto que "lle da visibilidade a algo fundamental, ao social, ás persoas que de forma altruísta axudan ás persoas que mais o necesitan".


O distintivo Méritos Extraordinarios busca dar visibilidade ao traballo constante que persoas e entidades realizan de forma desinteresada en beneficio da sociedade. Nesta edición o galardoado foi o Fondo Galego de Cooperación e Solidariedade e recolleu o premio o seu tesoureiro, José Manuel Alfonso, da man de Jaime Bello, técnico deste Concello que participou nun dos programas do Fondo de Cooperación.

Os presentadores do acto, o grupo Turbina, foron os encargados de facer entrega do distintivo á Superación e ao Exemplo a Carlos Mora Eiras en recoñecemento á súa capacidade de superación e de exemplo para a sociedade, demostrando que non existen barreiras nin límites.

O sexto dos galardóns foi o distintivo de Voluntariado, que nesta ocasión se lle entregou a Manuel García Santos, voluntario da Cruz Vermella de Boiro, pola súa labor desinteresada na vida social boirense, especialmente pola súa colaboración cos centros de ensino e a súa aposta no eido da formación e coordinación doutros voluntarios. Fixo entrega do distintivo o tenente de alcalde, Luís Ruiz, que pechou o acto do Distintivo Benestar Social do Concello de Boiro

Visítanos en   Chámanos ao 981 080 509, escríbenos a  pel@dacoruna.gal , realiza unha consulta (formulario) ou solicita unha cita presencial X