Estás en:Emprego Novas
Autoras da provincia

María Lado

#AVoltaÁProvinciaEn52Autoras

Concello de Cee

María Lado

María Lado

María Lado Lariño, nada en Cee, é unha escritora e actriz galega.
É titulada en Produción Audiovisual, e cursou estudos de Filoloxía Galega na Universidade de Santiago de Compostela.

María Lado comezou a escribir no núcleo do Batallón Literario da Costa da Morte, onde publicou os seus primeiros textos en tres libros colectivos: NósMar por medio e Rumbo ás illas.

Ten colaborado tamén na prensa co xornal dixital Vieiros, coa revista Dorna e coa revista portuguesa Comentário, entre outras; así coma en diversas publicacións galegas e peninsulares.

En 2005 xuntouse coa tamén poetisa Lucía Aldao para darlle forma ao espectáculo poético denominado Onde estea un cubata que se quite un soneto.

O 10 de abril de 2015 participou na primeira edición do ciclo O Alfabeto Híbrido (celebrado na sede da Fundación Luis Seoane, na Coruña), xunto á Lucía Aldao co seu proxecto poético-humorístico-musical chamado Aldaolado, contando coa actuación previa de Santiago Auserón.
Traduciu ó galego varios libros de literatura infantil publicados por Edicións do Cumio, editoria na que traballou durante cinco anos.
Amais de poeta, María Lado é narradora. Varios dos seus relatos pódense atopar en revistas e obras colectivas. Participou no disco Finais dos 70s, comezos dos 80s, de Fanny + Alexander, recitando o poema Berlín, da súa creación.
Tamén se dedica ao teatro e realiza traballos profesionais como actriz. No 2012 participou na obra Oeste solitario de Martin McDonagh. No 2023 forma parte do elenco da longametraxe O Corno, premiado coa a Cuncha de Ouro do Festival de Cine de Donostia.
En 2019 colabora na publicación dixital Vinte con Lucía Aldao e Iria Pinheiro na sección Ti fai o que eu che diga. Amor, veganismo, gasoil, Heredeiros da Crus, políticos galegos, maternidade, Zara... son algúns dos temas aos que responden Lucía Aldao, Iria Pinheiro e María Lado na primeira entrega do seu consultorio "Ti fai o que eu che diga". As nosas tres conselleiras están dispostas a contestar calquera pregunta que lles fagas. 


Obra

Poesía

  • A primera visión (Letras de Cal, 1997).
  • casa atlántica, casa cabaret (Xerais, 2001). [GAL/10175]
  • Berlín (2005).Poesía. Incluída na colección Poeta en Compostela que promoveu o Concello de Santiago de Compostela e El Correo Gallego.
  • Genoveva (2007). Poesía. Colaboración no libro-disco colectivo Sempre mar. Cultura contra a burla negra (2003).
  • Nove (Edicións Fervenza, 2008). [GAL/14143]
  • Amantes (A. C. Caldeirón, 2011).
  • oso, mamá, si? (Xerais, 2015).
  • Gramo Stendhal (Apiario, 2020). 

Con Lucía Aldao (Aldaolado):

Literatura infanto-xuvenil

  • Porque Cuqui non quere ir á lavadora. Conto moi importante para lerlles aos maiores antes de durmir (Apiario, 2014).
  • Rosalía de Castro (Urco Editora, 2016). [929 MUL / v]
  • Caramomia (Xerais, 2023) [eBiblioDaCoruna]

Narrativa

Entre os dous hai un río - Calvario/Lavadores (Editorial Elvira, 2016). [GAL N 114]

Traducións

  • Cando escoito o teu corazón, de Tere Puig (Edicións do Cumio, 2008).
  • Historia dun compás, de Mónica Gozalbo Felip (Edicións do Cumio, 2008).
  • Quen son eu?, de Tere Puig (Edicións do Cumio, 2008).
  • Soñei que era unha árbore, de Tere Puig (Edicións do Cumio, 2008).
  • Tan grandes, tan pequenos, de Tere Puig (Edicións do Cumio, 2008).
  • Un descenso ao Maelström. Sombra, de Edgar Allan Poe (Edicións do Cumio, 2009). Con Susana Rodríguez Barcia.
  • Alicia no País das Marabillas, de Lewis Carroll (Edicións do Cumio, 2010).
  • De acuarelas por Santiago, de Eduardo Baamonde (Edicións do Cumio, 2010).

Premios

  • 2007: Premio de Poesía Avelina Valladares no Concello da Estrada, por Nove.
  • 2010: Gañadora do Certame de poesía erótica Illas Sisargas, por Amantes.
  • 2016: Premio de poesía na I Gala do Libro Galego, por oso, mamá, si?.
  • 2019: Premio María Casares ao mellor texto orixinal por Anatomía dunha serea.

A autora nas redes

  • VINTE. Ti fai o que eu che diga [Vídeo]: https://www.lavozdegalicia.es/noticia/carballo/2023/10/05/premio-corno-maria-lado/0003_202310C5C8993.htm
  • FILMAFFINITY. Reseña de O Corno: https://www.filmaffinity.com/es/film212116.html
  • LA VOZ DE GALICIA [Artigo]: https://www.lavozdegalicia.es/noticia/carballo/2023/10/05/premio-corno-maria-lado/0003_202310C5C8993.htm
  • BVG (BIBLIOTECA VIRTUAL GALEGA). Ficha da autora: https://bvg.udc.es/ficha_autor.jsp?id=MarLado+1&alias=Mar%EDa+Lado&solapa=biografia
  • QUE PASA NA COSTA [Artigo]: https://www.quepasanacosta.gal/articulo/cee/maria-lado-estreo-o-seu-novo-poemario-na-casa/20150420082051078033.html
  • Certame aRi[t]mar galiza e portugal. María Lado: odias a poesía e fas ben [Vídeo]: https://www.youtube.com/watch?v=0fuvSak9vfU

A autora por ela mesma

María Lado naceu no 124 dun taxista de Cee a noite do 14 de abril do 1979, camiño de Compostela. Cando era nena e lle preguntaban que quería ser de maior sempre dicía que quería ser Agatha Christie. Seus pais sempre a animaron a escribir.

Así, comezou a facelo entre as xentes do Batallón Literario da Costa da Morte, onde participou das tres antoloxías poéticas editadas do colectivo. Como poeta ten publicado seis libros individuais: A primeira visión (Letras de Cal, 1997), casa atlántica casa cabaret (Xerais, 2002), berlín (Concello de Santiago-El Correo Gallego-Aelg), Nove (Ed. Fervenza, 2008), Amantes (Ed. Caldeirón, 2011) e oso, mamá, si? (Xerais, 2015), escollido como mellor libro de poesía na I Gala do Libro Galego. Tamén é autora do conto para nenos Porque Cuqui non quere ir á lavadora (Apiario, 2014), da novela para público xuvenil Entre os dous hai un río (Ed. Elvira 2016) e do libro de poemas para crianzas 5 minutos (Auga Editora, 2017).

Conta con numerosas colaboracións en volumes colectivos de diversa índole e antoloxías. Destas últimas salienta, pola súa importancia, D'efecto 2000 (Letras de Cal, 1999), o volume 25 anos de poesía galega 1975-2000 editada pola Voz de Galicia (2003), Das sonorosas cordas (Eneida, Madrid, 2005), o volume Por man propia (Bourel, 2005), a antoloxía de poetas irlandesas e galegas To the winds our sails (Salmon Poetry, 2010), Veinte puntos de fuga. Poesía gallega contemporánea (Fundación editorial El perro y la rana. Venezuela, 2011), Anthology of Galician Literature (Xunta de Galicia, Xerais e Galaxia, 2012), e o volume Intimi pogon. Fábrica íntima compartido con Gonzalo Navaza (Croatian Book Center, Zadar, 2014).

Textos seus foron traducidos e publicados para antoloxías ao castelán, portugués, catalán, ruso, croata e irlandés. Outros aparecen en discos como o CD Pensando Nelas, editado pola universidade do País Vasco e o Centro de Estudos Galegos, o primeiro disco de Igmig, Shaishakarraskaishe, ou nos documentais Redeiras (X. H. Ribadulla Corcón) e Tecendo o fío da memoria (María Reimóndez).

É guionista da radionovela Novembro, que foi parte da obra da artista Julia Montilla para o Proxecto Edición e que emitiu na Radio Galega no 2006.

Tamén realizou a adaptación e dirección das versións teatrais dos contos As manoplas da carapuchiña, Os seis barbudos, A pota que trota, A guerra dos números, As peripecias de Extravaganzza Pérez, Escaquis e Romeu e A ovella Engracia para o Salón de Literatura Infantil e Xuvenil de Pontevedra (entre os anos 2012 e 2018).

En ocasións sobe ás táboas como actriz. O último espectáculo de teatro no que traballou foi a montaxe Oeste Solitario, de Producións Teatrais Excéntricas, baixo a dirección de Quico Cadaval. É tamén unha das actrices da película Kauflanders de Olaia Sendón.

Dende o ano 2005 mantén coa poeta Lucía Aldao varios recitais escénicos baixo o nome Aldaolado, o que as leva por diversos escenarios de Galicia e de fóra. De eles destacan Onde estea un cubata que se quite un soneto, Moita poesía, pouca diversión, After, Sempre en Ibiza ou Pendanca e Oso.

[Maio, 2018]

Visítanos en   Chámanos ao 981 080 509, escríbenos a  pel@dacoruna.gal , realiza unha consulta (formulario) ou solicita unha cita presencial X