A Deputación da Coruña abre mañá o prazo para solilicitar as novas axudas do PEL para autonómos, de ata 2.400 euros
Están destinadas a persoas autónomas que conten con máis de 5 anos de exercicio empresarial e domicilio fiscal nun concello de menos de 10.000 habitantes
En 2024, a Deputación destinará preto de 5 millóns en axudas para autónomos da provincia
A Deputación das Coruña publica hoxe no BOP a convocatoria da nova liña de axudas para profesionais autónomos consolidados, destinada a sufragar con ata 2.400 euros parte das súas cotas á seguridade social do ano 2024.
Todas as persoas interesadas poderán presentar as súas solicitudes dende mañá, 27 de setembro ás 00:00, ata o 25 de outubro ás 14.00 horas a través da plataforma de tramitación telemática de subvencións SUBTeL: https://sede.dacoruna.gal/subtel/
Poderán ser beneficiarias todas as persoas autónomas que conten cun mínimo de cinco anos continuados de actividade empresarial e domicilio fiscal nun concello de menos de 10.000 habitantes da provincia da Coruña e que non estean a percibir outras axudas públicas ou privadas para sufragar as súas cotas sociais.
Con estas axudas, a Deputación da Coruña recoñece o importante papel que xogan as persoas profesionais autónomas no tecido económico provincial, motor das economías locais. Deste xeito dáse resposta ás demandas do colectivo, destinando a esta nova convocatoria 2,6 millóns de euros para os/as autónomos/as das zonas máis rurais da provincia que se suman aos máis de 2,3 millóns concedidos na convocatoria de PEL-Autónom@s 2024 publicada a comezos deste ano.
As persoas autónomas poden solicitar unha axuda máxima de ata 2.400 euros para sufragar unha parte das súas cotas á Seguridade Social, concretamente 200 euros por cada mes de cota subvencionable. Establécese tamén como requisito que a persoa beneficiaria solicite un mínimo de seis mensualidades de cotas sociais correspondentes ao ano 2024, o que se correspondería cunha subvención mínima por concesión de 1.200 euros.
Esta liña de axuda a persoas profesionais autónomas consolidadas forma parte do Plan de emprego local (PEL), unha aposta transversal do goberno da Deputación á que se destinaron 113 millóns de euros nos últimos anos a través de diferentes liñas de axudas para contratar persoal, impulsar o emprendemento, apoiar o crecemento dos pequenos negocios e dos traballadores e traballadoras autónomos/as. Desde o seu inicio, o PEL permitiu a creación de 7.176 empregos nos sectores público e privado.
Pode atopar máis información sobre as axudas do Plan de emprego Local na páxinal web pel.gal