Estás en:Emprego Novas

A Deputación da Coruña visita a comunidade de montes de Baroña e o seu centro de transformación

A deputada Rosa Ana García amosou o interese da Deputación na iniciativa, onde están a desenvolver iniciativas transformadoras do rural

A Deputación da Coruña visita a comunidade de montes de Baroña e o seu centro de transformación

A deputada de Industria, Emprego e Medio Ambiente, Rosa Ana García, visitou onte o centro de transformación vinculado a comunidade dos Montes de Baroña, en Porto do Son. Este centro está enfocado na transformación de produtos cárnicos, sector clave na contorna, na que ten longa experiencia a comunidade.

A comunidade de montes de Baroña continúa con este proxecto unha longa tradición gandeira que se distingue pola súa produción en extensivo, sen utilización de pensos ou antibióticos, garantindo así unha materia prima de excelente calidade, que marca a diferencia. Cabalos de pura raza galega, cabras, ovellas e vacas conviven no monte, abonan os terreos e xestionan a biomasa forestal para a prevención de incendios. Á súa vez, os montes de Baroña contan cun total de 30 colmeas e 100 hectáreas rexistradas de coto micolóxico.

O monte de Baroña acolle diversas especies animais, incluíndo cabalos de pura raza galega, cabras, ovellas e vacas, que non só contribúen a produción cárnica, senón tamén á xestión da biomasa forestal, desempeñando un papel esencial na prevención de incendios. Ademais, os montes de Baroña dispoñen de colmeas e hectáreas rexistradas de coto micolóxico, facendo desta comunidade un exemplo de sustentabilidade e aproveitamento integral dos recursos naturais.

O novo centro non só beneficiará aos comuneiros de Baroña, senón que tamén dará servizo ás comunidades de montes veciñais do Barbanza e a outros pequenos produtores da contorna. A través deste centro, ofreceranse talleres formativos sobre a transformación de alimentos, promovendo un espazo de colaboración entre produtores e impulsando a creación de redes entre obradoiros colectivos da zona.

A deputada de Emprego amosou o interese da Deputación da Coruña nesta esta iniciativa, "que busca fortalecer o tecido produtivo local, valorizar os recursos naturais e impulsar a economía rural de maneira sostible" e "encaixa á perfección con outros proxectos similares que estamos desenvolvendo noutros puntos da provincia como Brión e Moeche, dentro da Rede de Coworking provincial".

Con este proxecto, a comunidade de montes de Baroña reafirma o seu compromiso co medio ambiente e a posta en valor dos produtos de proximidade.

O Laboratorio Ecosocial do Barbanza

A CMVMC de Baroña pon o seu centro de transformación a disposición do Laboratorio Ecosocial do Barbanza para a súa posta en marcha. O proxecto do Laboratorio naceu para facilitar o cambio a un modelo multifuncional dos montes do Barbanza, e para impulsar a transición cara a sustentabilidade ambiental e a resiliencia do territorio ante os lumes forestais que a comarca sofre con frecuencia.

O proxecto conta coa Fundación Biodiversidad do Ministerio para la Transición Ecológica y el Reto Demográfico (MITECO) no marco do Plan de Recuperación, Transformación e Resiliencia (PRTR), financiado pola Unión Europea – NextGenerationEU.

Integran o Laboratorio Ecosocial do Barbanza a Fundación RIA (entidade coordinadora), a Plataforma pola Defensa do Monte, a Universidade de Santiago de Compostela (a través do CISPAC e os grupos de investigación Histagra e Uxafores), a Universidade Pablo de Olavide, o Concello de Rianxo e a Fundación Montescola.

Visítanos en   Chámanos ao 981 080 509, escríbenos a  pel@dacoruna.gal , realiza unha consulta (formulario) ou solicita unha cita presencial X