A Oficina Next da Deputación da Coruña e a Rede Provincial de Coworking, exemplos de boas prácticas no II Foro Nacional de Axentes de Desenvolvemento Local celebrado en Murcia
A oficina Next Deputación, localizada no pequeno concello da Capela, facilita o acceso a fondos europeos aos concellos de toda a provincia
Concellos murcianos amosaron o seu interese na replicabilidade do modelo da Rede Provincial de Coworking da Deputación no seu territorio
O concello de San Pedro de Pinatar, na rexión de Murcia, acolleu nos últimos días o II Foro Nacional de Axentes de Desenvolvemento Local, que reuniu a especialistas de todo o Estado español para abordar temas clave como as políticas para enfrontar o despoboamento do rural, potenciar a transformación dixital e a economía circular.
Neste foro nacional, a Oficina Next Deputación A Coruña foi seleccionada como unha das iniciativas de referencia a nivel estatal e o seu funcionamento explicouse con detalle durante a mesa redonda "Fixando Talento. Iniciativas que funcionan".
A mesa foi moderada por Fulgencio Luis Cerón Moura, axente de desenvolvemento local do Concello de Cartaxena e contou coas intervencións de Belén Ferrer Calvo, Head of Restructuring & Public Sector en LHHSpain en Madrid, Fidel García Meseguer, xefe de Sección de Desenvolvemento Rural e Despoboamento da Deputación de Valencia, e Raquel Piñeiro López, técnica de Proxectos en Tragsatec que desenvolve o seu traballo na Oficina Next da Capela.
A Oficina Next Deputación A Coruña
A intervención da técnica da Oficina Next consistiu en explicar a importancia de implementar políticas públicas centradas no reto demográfico dende unha perspectiva integral e estratéxica, explicando o caso real da descentralización de servizos cara o rural que levou a cabo a Deputación da Coruña con esta iniciativa, pioneira en toda España no seu día, e que supuxo pór a disposición dos concellos os medios técnicos e humanos necesarios para facilitarlles o acceso a fondos europeos para financiar os seus proxectos e a súa posterior xestión. Aínda que a Oficina Next dá servizo aos 93 concellos da provincia, centra especialmente a súa actividade nos concellos máis pequenos é de carácter rural, que son os que menos recursos teñen para acceder a este financiamento e aproveitar os recursos que a UE dota para dinamizar o rural.
A Rede Provincial de Coworking
No foro xurdiron tamén cuestións sobre o fomento do emprendemento na provincia por parte da Deputación da Coruña e a identificación de iniciativas innovadoras relacionadas coa fixación de poboación e a retención e fomento do talento que supón a Rede Provincial de Coworking da Deputación A Coruña.
O interese xerado sobre a Rede derivou en que varios concellos da rexión de Murcia amosáronse interesados en replicar os centros de transformación agroalimentaria como o de Transformando en Brión e A Funquenlla (Moeche), así como iniciativas similares ao centro de emprendemento A Estación do Concello de Vedra.
Paralelamente á mesa do Foro tamén se organizou un programa de radio e realizáronse entrevistas a todas as persoas participantes.
Pódese atopar máis información sobre estes exemplos de boas prácticas no territorio, como son a Rede Provincial de Coworking e a Oficina Next da Deputación da Coruña nas páxinas webs https://redecoworking.pel.gal/ e https://next.dacoruna.gal/, respectivamente.