Estás en:Emprego Novas

A Deputación colabora con Gatocan na ampliación do seu refuxio de animais domésticos en Coirós

A Deputación colabora con Gatocan na ampliación do seu refuxio de animais domésticos en Coirós

O presidente da Deputación da Coruña, Valentín González Formoso, e a presidenta da Asociación Protectora de Animais Gatocan, María Beatriz Martín Catoira, asinaron o convenio para o financiamento das obras de ampliación do refuxio de animais domésticos que a entidade ten no lugar de Figueiras, no municipio de Coirós.

A Deputación colabora con 65.000 euros no financiamento das obras, que supoñen un investimento de 250.945 euros e que permitirán ampliar as instalación da protectora con dez novos canís con patio descuberto en cada un deles, dispostos ao longo dun corredor de 21 metros de longo. A superficie construída será de 229 metros cadrados.

O proxecto inclúe tamén unha nova edificación de 60 metros cadrados e cuberta, na que se disporán catro paritorios dispostos arredor dun vestíbulo de acceso.

As novas instalacións permitirán ampliar a capacidade do refuxio e mellorar a atención que nel se presta aos animais domésticos abandonados.

Gatocan creouse oficialmente en 2006 e abriu as portas do seu refuxio en 2008. Dende 2010 a entidade está declarada Asociación de Utilidade Pública pola Xunta de Galicia.

A Deputación apoia todos os anos o traballo das protectoras de animais da provincia a través dunha liña específica de subvencións dotada con 150.000 euros que estas entidades poden destinar á compra de material, medicamentos, chips, gastos de alimentación, servizos veterinarios, elementos de hixiene, melloras nas súas instalacións e outras actividades.

Visítanos en   Chámanos ao 981 080 509, escríbenos a  pel@dacoruna.gal , realiza unha consulta (formulario) ou solicita unha cita presencial X