Estás en:Emprego Novas

A Deputación rende homenaxe a Luis Zamora como fotógrafo histórico

O salón de plenos da Deputación acolleu esta mañá o acto oficial, no que participou a deputada de cultura, Natividade González, o comisario do premio Luís Ksado, Xurxo Lobato e o fillo de Luís Zamora, José Luís Zamora

Trátase dunha das actividades paralelas do premio Luís Ksado de creación fotográfica, que continuará esta tarde na Real Academia de Belas Artes coa mesa redonda "O fotógrafo Luis Zamora"

A Deputación rende homenaxe a Luis Zamora como fotógrafo histórico

O Salón de Plenos da Deputación foi hoxe o escenario do acto de declaración de fotógrafo histórico a Luís Zamora. A deputada de cultura, Natividade González; o comisario do premio Luís Ksado, Xurxo Lobato e o fillo de Luís Zamora, José Luís Zamora.

Esta homenaxe continuará pola tarde, na Real Academia de Belas Artes, onde ás 19h se celebrará a mesa redonda "O fotógrafo Luis Zamora", na que, ademais da deputada, o comisario e o fillo de Luis Zamora, tamén participa o historiador da fotografía galega Manuel Sendón. Ademais, a área de Cultura da Deputación tamén editou unha publicación sobre a súa obra.

Durante o acto, Xurxo Lobato explicou a importancia de "difundir a historia da fotografía galega", concretamente "a dun fotógrafo como Luis Zamora, que non é moi coñecido, polo que é fundamental visibilizalo e divulgar a súa obra; que representa un elemento máis da nosa creatividade e da historia das artes en Galicia". O fillo de Luis Zamora, José Luis Zamora, tras recibir o diploma da man da deputada, agradeceu a homenaxe e puxo en valor a obra e a figura do seu pai.

Pola súa parte, Natividade González referiuse a Luis Zamora como "un fotógrafo cunha mirada auténtica que segue a iluminar cada imaxe que capturou, e cun legado que merece ser celebrado, por iso o recoñecemos como Fotógrafo histórico do 18º Premio Luís Ksado". "Un legado", engadiu, "que temos a obriga de preservar para as xeracións que veñen, pois a obra de Zamora forma parte xa da memoria colectiva dun país e é herdanza que revela a esencia mesma de Galicia".

"Celebremos, pois, a Luis Zamora e gocemos da súa obra; nesta ocasión, grazas ao traballo e ao compromiso do Servizo de Acción Cultural da Deputación e de Xurxo Lobato, o comisario e promotor de todas as actividades do premio Luís Ksado" concluíu a deputada.

Visítanos en   Chámanos ao 981 080 509, escríbenos a  pel@dacoruna.gal , realiza unha consulta (formulario) ou solicita unha cita presencial X