Estás en:Emprego Novas

Formoso pon en valor a fábrica de XEAL en Cee como “símbolo da necesaria unión entre a industria e a enerxía”, imprescindible como “garantía de futuro”

O presidente da Deputación participou no acto de conmemoración do 120 aniversario da posta en marcha do primeiro forno de carburo cálcico da factoría
"Agradezo a Energo-Pro a súa aposta por Galicia, pola provincia e pola Costa da Morte"
Valentín González Formoso destacou a personalidade de Cee como "polo industrial de pasado, presente e futuro" da súa contorna

Formoso pon en valor a fábrica de XEAL en Cee como “símbolo da necesaria unión entre a industria e a enerxía”, imprescindible como “garantía de futuro”

O presidente da Deputación da Coruña, Valentín González Formoso, participou hoxe no acto de conmemoración do 120 aniversario da posta en marcha do primeiro forno de carburo cálcico da fábrica de XEAL, en Cee.

O evento consistiu nunha visita ao forno e un posterior acto institucional, que contou coas intervencións do propio presidente provincial, así como do presidente da Xunta de Galicia, Alfonso Rueda; o delegado do Goberno en Galicia, Pedro Blanco; a representante da embaixada da República Checa en España, Zuzana Hlavickova; o conselleiro de Energo-Pro, empresa checa propietaria da fábrica, Jakub Fajr; e a CEO de XEAL, María Couto.

Na súa intervención, Formoso quixo destacar a factoría como "símbolo da necesaria unión entre a industria e a enerxía", un vínculo que resulta "imprescindible para como garantía de futuro". "Trátase dunha unión imprescindible porque garante a retención do talento, o aumento do PIB e o emprego de calidade e estable", apuntou.

O presidente provincial destacou que "houbo un acerto no seu momento vinculando esta industria ás centrais hidroeléctricas". "Unir eses dous mundos significa garantir o futuro da industria en Galicia e tamén aquí en Cee", engadiu Formoso, que recalcou o "polo industrial de pasado, presente e futuro" que supón a localidade na súa contorna, con exemplos como a xa abandonada baleeira de Camariñas, o porto de Brens ou a factoría de ferroaleacións.

"Esta fábrica forma parte do ADN das familias ceenses, xa que moitas delas contan con varias xeracións de traballadores e traballadoras da factoría", expresou. Neste sentido, Formoso quixo "agradecer" a Energo-Pro a súa "aposta por Galicia, pola provincia da Coruña e pola Costa da Morte". "A provincia e a Deputación da Coruña deben tender a man de xeito claro a proxectos industriais", finalizou.

Non obstante, tamén recoñeceu que ao longo destes 120 anos existiron "momentos difíciles", pero recalcou que as administracións "estiveron á altura das circunstancias e conseguiuse blindar esa unión, que "asegura tamén o futuro dun complexo que estando situado a nivel xeográfico no extrarradio, ten unhas grandes vantaxes enerxéticas".

Así mesmo, o presidente da Deputación lembrou que a provincia da Coruña lidera a produción de enerxía a nivel nacional a nivel eólico, pero tamén se trata dunha provincia que "viste e alimenta ao mundo, ademais de con algúns dos maiores fabricantes nos sectores da madeira e naval-militar".

Visítanos en   Chámanos ao 981 080 509, escríbenos a  pel@dacoruna.gal , realiza unha consulta (formulario) ou solicita unha cita presencial X