Estás en:Emprego Novas

A Deputación remata as obras da estrada DP 1102 de Cespón a Vidres, en Boiro, tras un investimento de 1,2 millóns de euros

O presidente da Deputación e o alcalde de Boiro supervisaron hoxe o resultado das obras, tras a ampliación e mellora sa seguridade da estrada que conecta co centro de interpretación de Neixón

A Deputación reforza os servizos sociais de Boiro cunha nova furgoneta e material como camas articuladas e guindastres para persoas dependentes, que o Concello prestará ás familias que os precisen

A Deputación remata as obras da estrada DP 1102 de Cespón a Vidres, en Boiro, tras un investimento de 1,2 millóns de euros

O presidente da Deputación da Coruña, Valentín González Formoso, acompañado do alcalde de Boiro, José Ramón Romero, e a deputada responsable da área de Vías e Obras, Mónica Rodríguez, supervisou hoxe o resultado das obras de ampliación e mellora da seguridade viaria na estrada DP-1102 de Cespón a Vidres, no concello de Boiro, nas que a institución provincial investiu 1.213.178 euros e que están xa practicamente rematadas, a falta do pintado da vía e a instalación da nova sinalización horizontal.

Formoso destacou "a importante mellora da seguridade, tanto para o tráfico como para os desprazamentos a pé dos veciños, que supón esta obra", que permitiu ampliar o ancho da plataforma de 5 a 8 metros, mellorando tamén o trazado mediante o suavizado das curvas, así como construír unha senda peonil de 1,8 metros de ancho que permite a circulación dos peóns en condicións de seguridade.

"É unha obra que consideramos necesaria porque a estrada non tiña o ancho adecuado, nin tiña beirarrúas. Era unha petición lóxica por parte do alcalde e do Concello de Boiro, que hoxe vemos cumprida", afirmou Formoso, que recoñeceu que "a obra alongouse demasiado, pero creo que o resultado vale a pena en termos de seguridade para todos".

"Hoxe é un día feliz porque vemos o remate destas obras. Acabamos de percorrela agora co presidente da Deputación e a verdade é que quedou moi ben. Agradezo a paciencia dos veciños polos retrasos e inconvintes durante os traballos, pero creo tamén que o resultado merece a pena porque esta estrada dá servizo aos veciños da zona, pero tamén ao centro de interpretación de Neixón, que visita moita xente de fóra de Boiro", sinalou o alcalde, José Ramón Romero.

As obras melloraron un tramo de 1,8 quilómetros que vai desde o inicio do vial ata unha rotonda e incluíron tamén o acceso desde a estrada municipal e os enlaces existentes nos puntos quilométricos 0+300 e 0+720 para facilitar o xiro dos vehículos.

A estrada pavimentouse con 6 cm de mestura bituminosa en quente sobre base de grava e zahorra artificial. As obras incluíron tamén a mellora do drenaxe da estrada con cunetas e colector de PVC de 315 mm de diámetro e a canalización do alumeado público, así como a renovación da sinalización.

Entrega dunha nova furgoneta e material para atención social

Antes da visita á estrada, na praza do Concello, Valentín Formoso, José Ramón Romero e a deputada de Política Social, Mar García Vidal, presentaron a nova furgoneta e material para atención social a persoas dependentes adquirido polo municipio boirense cos fondos do POS Social.

Formoso explicou que o Plan Único (POS+) non só permite aos concellos financiar obras e servizos públicos, senón que tamén contempla cada ano unha partida específica para axudar aos municipios nos gastos da área social.

No caso de Boiro, o POS Social deste ano ascende a 111.281 euros, que o goberno municipal decidiu destinar á comprar unha furgoneta e material como camas articuladas, grúas ou cadeiras de rodas para o seu préstamo ás familias "que supoñen un custo elevado para as familias, que así non se ven na obriga de facer ese desembolso económico", apuntou o alcalde de Boiro.

"O vehículo servirá para trasladar todo ese material, as camas e grúas, aos domicilios das persoas que teñen dificultades de mobilidade, algo que ata agora estabamos facendo en condicións moi precarias. Tamén a van a usar as asistentas sociais para visitar os domicilios ou os alimentos que repartimos coa colaboracion de Cáritas", afirmou Jose Ramón Romero, que destacou "o gran traballo que está a desenvolver a Deputación en materia de política social, que supón un gran apoio para os concellos".

Pola súa banda, o presidente da Deputación da Coruña, Valentín González Formoso afirmou que "cando ideamos o Plan Único, subimos de 24 a 100 millóns de euros anuais os fondos que reciben os concellos da provincia e os baseamos no principio da autonomía local para que os concellos, en función das necesidades de cada un, decidiran en qué investir os fondos; pero tamén decidimos incluír unha partida específica para que se destinara a gasto social e que cubre desde a compra de material coma este que hoxe entregamos en Boiro ata pagar ao persoal do servizo de axuda no fogar", explicou Formoso, que subliñou que "a Deputación financia este ano provincia 400.000 horas de servizo de axuda no fogar porque entendemos que a cobertura que dá a Xunta de Galicia non é suficiente para atender a demanda dos concellos, que é cada vez maior".

Durante o mandato de Valentín González Formoso, a Deputación da Coruña elevou de 4 a 9,1 millóns de euros o orzamento que destina cada ano a financiar os servizos sociais dos concellos. Este programa permite a Boiro, entre outras cuestións, contratar durante todo o ano a dúas persoas especializadas en atención social para dar servizo á veciñanza ou financiar 5.700 horas de servizo de axuda no fogar do Concello de Boiro ao longo do ano.

Visítanos en   Chámanos ao 981 080 509, escríbenos a  pel@dacoruna.gal , realiza unha consulta (formulario) ou solicita unha cita presencial X