Estás en:Emprego Novas

O Pazo de Arenaza acolleu unha xornada sobre emprendemento no campo profesional da Arquitectura

A xornada enmárcase nos actos da Semana de Arquitectura e reuniu a unha trintena de estudantes e profesionais

A deputada de Emprego, Rosa Ana García, animou as persoas asistentes a presentar a súa solicitude de módulos de traballo no coworking do Pazo de Arenaza

O Pazo de Arenaza acolleu unha xornada sobre emprendemento no campo profesional da Arquitectura

Coincidindo coa celebración da Semana da Arquitectura, o coworking do Pazo de Arenaza acolleu o pasado venres unha Xornada de apoio á actividade profesional dirixida ás persoas colexiadas na delegación da Coruña do Colexio Oficial de Arquitectos/as de Galicia (de aquí en adiante COAG) e estudantado e persoas recén egresadas da Escola Técnica Superior de Arquitectura da Coruña da UDC ( ETSAC).

Durante este evento todas as persoas asistentes tiveron a oportunidade de debater e expoñer a principal problemática que se atopan á hora de montar un estudo de arquitectura propio, propoñéndose o coworking como solución para un estadio inicial de implantación dos negocios.

Tras a primeira parte de debate deu comezo unha visita guiada polo inmoble histórico do Pazo de Arenaza da man de Antonio Pernas, un dos arquitectos implicados na súa rehabilitación. Este edificio foi cedido polo Concello de Oleiros por 15 anos á Deputación da Coruña para a súa rehabilitación e uso como espazo de coworking especializado nos sectores da arquitectura, o urbanismo e as novas tecnoloxías.
Para pechar o evento, Rosa Ana García, deputada das áreas de Industria, Empresa, Medio Ambiente, Emprego e Política Demográfica, destacou o frutífero debate levado a cabo no marco da xornada e animou a todas as persoas interesadas en montar o seu estudo de arquitectura a que presenten a súa solicitude no coworking do Pazo de Arenaza para recibir asesoramento durante os primeiros pasos da posta en marcha dos seus negocios.

Convenio entre a ETSAC e a Deputación da Coruña

A UDC e a Deputación da Coruña asinaron un convenio de colaboración para establecer as bases da cooperación entre a Escola Técnica Superior de Arquitectura da Coruña (ETSAC) e o coworking do Pazo de Arenaza para o desenvolvemento de actividades de fomento do emprendemento no eido da arquitectura.

En outros, o convenio contempla a reserva e acceso preferente a catro módulos de traballo do coworking do Pazo de Arenaza para estudantes do máster habilitante de Arquitectura e estudantes recentemente graduados da ETSAC que desexen comezar un proxecto empresarial en fase de preincubación (fase idea).


Pode opter máis información sobre o coworking do Pazo de Arenaza na súa páxina web: https://arenaza.pel.gal/

Visítanos en   Chámanos ao 981 080 509, escríbenos a  pel@dacoruna.gal , realiza unha consulta (formulario) ou solicita unha cita presencial X