Estás en:Emprego Novas
ebiblioDaCoruna Club Lector

Nova lectura na sala Arredor dos libros

A sala "Arredor dos libros" estrea lectura. Hoxe comezamos con Sonata de Otoño, de Ramón María del Valle-Inclán.

Nova lectura na sala Arredor dos libros

O pasado 3 de outubro botaba a andar o eBiblioDaCoruna Club Lector desta tempada, na sala "Compartiendo lecturas" coa obra La Metamorfosis de Franz Kafka, e que xa lle queda pouco para rematar o próximo 24 de outubro.

Agora é a quenda da sala "Arredor dos libros", que inicia hoxe a súa primeira lectura: "Sonata de Otoño" de Ramón María del Valle-Inclán, dispoñíble para os seguidores do Club de lectura virtual ata o vindeiro 4 de novembro.

SONATA DE OTOÑO

Cume da prosa modernista española, estas «memorias amables», as SONATAS, supuxeron a comezos do século XX a introdución en España de preocupacións, temas e formas artísticas que dominaban en Europa. «Feo, católico, sentimental», carlista e presuntamente «perverso», o Marqués de Bradomín resume na súa personalidade todas as tensións que, na crise finisecular, se moven entre o amor e a morte, a sensualidade e o misticismo, a estética e a vida.

A Sonata de outono (1902) ​é a primeira aparición do personaxe de Bradomín. O marqués está en Galicia onde se lle pediu que realice unha ofrenda ao apóstolo Santiago en nome da raíña Margarita. A acción desenvólvese nun pazo onde está a morrer Concha, unha antiga amante.

Na Sonata de outono, Bradomín comeza citando unha carta de Concha que xa hai moito tempo perdeu. A acción comeza ao recibir a carta, pero no seu transcurso evócanse, en pasados consecutivos, as etapas da relación amorosa, e tamén o futuro. Hai que dicir que Bradomín adoita distanciarse ironicamente da realidade, idealizando o pasado, axuizando os seus propios actos ou modeándose de actitudes ideais, de prestixio histórico e literario.

Ao fondo de todo destaca a extraordinaria talla de don Ramón do Valle-Inclán, gran coñecedor da nova literatura da época e cegador mago da palabra.

Súmate ao clube e compartenos as túas impresións sobre o texto!

Se aínda non formas parte da eBiblioDaCoruna date de alta aquí: https://dacoruna.gal/biblioteca/ebibliodacoruna/

E para saber máis sobre o Club Lector, deixamos a seguir máis información:

Que é eBiblioDaCoruna Club Lector

eBiblioDaCoruna Club Lector é un espazo en liña para ler, comentar e compartir lecturas, tanto en castelán como de autoras e autores galegos, tendo en conta a actualidade, intereses e gustos dos participantes. É un club virtual de lectura da Biblioteca Provincial da Deputación da Coruña dirixido a todas as persoas usuarias das bibliotecas municipais da provincia da Coruña, e da propia Biblioteca da Deputación.

Para poder formar parte deste club de lectura virtual é preciso primero formar parte da biblioteca dixital eBiblioDaCoruna que é a biblioteca dixital da Deputación da Coruña para todas as bibliotecas públicas municipais da provincia da Coruña.

Pertencer ao club lector non ten ningún custo, e está aberto a que poidas usalo as 24 horas do día os 365 días do ano.

O club divídese en dúas salas, "Arredor dos libros" dedicado a escritores galegos, e "Compartiendo lecturas", no que se percorren libros de variada temática e de actualidade en castelán.

Está moderado por unha persoa cualificada en lingua e literatura e co soporte técnico e dinamización do persoal da Biblioteca da Deputación.

Como acceder

Para acceder só precisas cumprir os seguintes requisitos:

Estar dado/a de alta na plataforma de préstamo dixital eBibliodaCoruna. Dáte de alta, de balde, aquí
Ter un dispositivo para ler con acceso á Internet: móbil, ordenador, tableta...
Se as cumpres, podes entrar no club lector dende o teu dispositivo.

Identifícate coas túas claves da EbibliodaCoruna no apartado "Iniciar sesión".

Se non lembras o teu contrasinal, podes recuperalo dende o apartado de "Iniciar sesión " (debaixo da caixa para introducir o teu usuario e contrasinal).

As persoas que usan a app da eBiblioDaCoruna tamén teñen un acceso directo dentro da área de usuario "Club de lectura e espazo de aprendizaxe" que conecta directamente co eBiblioDaCoruna Club.

Unha vez dentro, se queres cambiar o nome co que te identificas para as demais persoas participantes no club, podes facelo premendo no teu nome (arriba á dereita da pantalla), e logo en "Axustes". Aí podes cambiar o nome co que participas no club e a imaxe, se o desexas.

Como participar e que podes facer

Na páxina de inicio tes as dúas salas de lectura dispoñibles, coa portada dos últimos libros que se leron ou se están lendo. Debaixo de cada un dos clubs tes un botón de "Seguir". Elixe aquel que queiras seguir e preme en «Seguir».

Automaticamente aparecerá «Abandonar club». Que teñas esta opción indica que xa estás dentro. Este paso só o tes que facer a primeira vez que te unes, porque xa quedas «anotado/a» para sempre.

Agora preme na portada do libro, e xa entrarás directamente ao club.

Visítanos en   Chámanos ao 981 080 509, escríbenos a  pel@dacoruna.gal , realiza unha consulta (formulario) ou solicita unha cita presencial X