Estás en:Emprego Novas

A Deputación reforza os servizos sociais municipais, os máis próximos á cidadanía

Os pequenos concellos contratan a 178 profesionais dos servizos sociais e financian 400.000 horas de servizo de Axuda no Fogar grazas ao apoio económico da Deputación

A deputada Yoya Neira inaugurou hoxe no Pazo de Mariñán unha xornada na que 80 profesionais da área social dos concellos do Consorcio das Mariñas debaten sobre os retos de futuro da súa profesión

A Deputación reforza os servizos sociais municipais, os máis próximos á cidadanía

A deputada de Educación e Mocidade, Yoya Neira, a alcaldesa de Bergondo, Alejandra Pérez Máquez, e a vicepresidenta do Consorcio das Mariñas e alcaldesa de Betanzos, María Barral, inauguraron esta mañá no Pazo de Mariñán o XI Encontro dos Servizos Sociais Comunitarios, unha unha xornada dirixida a técnicos e responsables políticos da área Servizos Sociais dos concellos que forman parte do Consorcio das Mariñas.

Neira destacou o compromiso do goberno provincial co mantemento dos servizos sociais municipais "os máis próximos á cidadanía, os que cada día reciben e resolven centos de problemas que afectan ás persoas máis desfavorecidas ou que atravesan situacións difíciles".

"Somos conscientes da dificultade e o gran esforzo que supón para un concello pequeno contar con profesionais especialistas no ámbito social, por iso nos últimos anos incrementamos a dotación económica do programa de Servizos Sociais Comunitarios, que pasou de 4 a 9,1 millóns de euros, permitindo que os concellos de menos de 20.000 habitantes da provincia da Coruña podan contratar persoal administrativo, técnico ou de axuda a domicilio", afirmou a deputada, que destacou que esta cantidade económica permite contratar este ano a 178 profesionais da área social nos municipios e financiar 400.000 horas de Servizo de Axuda no Fogar (SAF).

Estes profesionais prestan atención e servizo cada día a milleiros persoas con problemas de índole social, que con frecuencia pertencen a diversos colectivos especialmente vulnerables: infancia, mulleres maltratadas, persoas con especiais dificultades de inserción laboral, maiores sen recursos, persoas sen fogar ou con discapacidade, explicou a deputada.

Neira destacou que, para o Goberno provincial, a área social é "unha prioridade" e citou outros programas da Deputación que contribúen a apoiar ás persoas que máis o necesitan coma a Teleasistencia, que chega a máis de 4.000 persoas maiores na provincia, ou as liñas de axudas para entidades sociais que chegan a 273 asociacións da provincia.

Durante a xornada de hoxe, uns 80 técnicos/as e concelleiros/as de Servizos Sociais dos concellos dos municipios do Consorcio das Mariñas (Abegondo, Arteixo, Bergondo, Betanzos, Cambre, Carral, Oleiros, Culleredo e Sada) formaranse e debateran sobre aspectos relacionados co seu labor diario e analizarán os retos de cara ao futuro no ámbito dos servizos sociais.

Visítanos en   Chámanos ao 981 080 509, escríbenos a  pel@dacoruna.gal , realiza unha consulta (formulario) ou solicita unha cita presencial X