Estás en:Emprego Novas

A Deputación traslada a súa solidariedade á familia e amigos de Samuel Luiz e insta ás administracións a “intensificar accións dirixidas a erradicar a LGTBIfobia”

O pleno da institución provincial realiza unha declaración institucional coincidindo coa celebración do xuízo polo asasinato de Samuel

A Deputación traslada a súa solidariedade á familia e amigos de Samuel Luiz e insta ás administracións a “intensificar accións dirixidas a erradicar a LGTBIfobia”

A Deputación da Coruña traslada o "apoio e solidariedade" da institución á familia e amigos de Samuel Luiz e insta a todas as administracións públicas competentes a "intensificar as accións dirixidas a erradicar a LGTBIfobia e calquera forma de discriminación".

Fíxoo no Pleno ordinario celebrado hoxe na sede da institución provincial, presidido polo vicepresidente Xosé Regueira por ausencia do titular, Valentín González Formoso, no que se aprobou unha declaración institucional subscrita por todos os grupos políticos: PSdeG-PSOE, BNG, PP e Alternativa dos Veciños.

"A resposta social foi inmediata, con manifestacións en toda España pedindo 'Xustiza para Samuel' e condenando a violencia homófoba", lembran o texto da declaración, que recalca que "estas accións demostraron que a sociedade reclama políticas máis contundentes para protexer os dereitos do colectivo LGTBI e garantir unha convivencia libre de odio e discriminación".

A pesar desta conciencia social, desde a Deputación sinálase que o crime cometido contra Samuel "non foi un feito illado", xa que "os delitos de odio, e en particular os relacionados coa orientación sexual e a identidade de xénero, experimentaron un preocupante aumento nos últimos anos".

Ante este contexto, o pleno da institución provincial provincial entende que o actual xuízo "representa un momento clave non só para facer xustiza, senón tamén para reafirmar o compromiso das administracións na loita contra a LGTBIfobia". "As políticas públicas deben centrarse en previr estes delitos, protexer as vítimas e fomentar unha cultura de respecto pola diversidade. A violencia e a LGTBIfobia non poden ter cabida nunha sociedade que aspira á igualdade e á convivencia pacífica", destaca a Deputación.

Precisamente por todo isto, o Pleno da Deputación instou ás administracións con potestade a que executen políticas educativas, campañas de sensibilización e ofrezan apoio ás vítimas. Todas estas accións deben "intensificarse" coa fin de "erradicar a LGTBIfobia e calquera forma de discriminación e odio".

Ademais, o Pleno destacou a súa "condena á agresión homófoba que causou o asasinato de Samuel Luiz" e expresou "o rexeitamento máis firme desta cámara ante calquera forma de violencia e odio motivada pola orientación sexual ou a identidade de xénero". Por último, trasladáse o "apoio e solidariedade" da corporación provincial á familia e amigos de Samuel Luiz".

Visítanos en   Chámanos ao 981 080 509, escríbenos a  pel@dacoruna.gal , realiza unha consulta (formulario) ou solicita unha cita presencial X