Estás en:Emprego Novas

A Deputación da Coruña inicia as obras das pasarelas peonís das estradas DP 3612 e 3604, en Ferrol

Localizadas en Serantes e Beleicón, permitirán salvar os ríos existentes nas zonas onde a Deputación construíu novas beirarrúas, completando a mellora da seguridade peonil

A Deputación da Coruña inicia as obras das pasarelas peonís das estradas DP 3612 e 3604, en Ferrol

A Deputación da Coruña vén de iniciar as obras de construción de dúas pasarelas peonís no termo municipal de Ferrol. A primeira delas sitúase na DP-3612, na contorna da pista de atletismo da Malata, na parroquia de San Salvador de Serantes, e outra na DP-3604, na aldea de Beleicón, parroquia de Santa Cecilia de Trasancos. Ambas construcións supoñen un investimento de algo máis de 22.000 euros.

Ambas pontes van conectar os dous lados dun río coas novas beirarrúas executadas xa pola Deputación na beiras destas estradas provinciais. As obras son resultado do compromiso adquirido polo presidente da Deputación, Valentín González Formoso, na súa visita á zona en marzo de 2023, na que tanto a veciñanza como o anterior alcalde, Ángel Mato, explicaron a necesidade de construír estas pasarelas para salvar a canle dos ríos e aproveitar a mellora da seguridade peonil que supoñen as beirarrúas.

Na pasarela da DP-3612, a infraestrutura transcorre sobre unha tubaxe de abastecemento do porto exterior de Ferrol, que consta dunha xunta de expansión, polo que a ponte está deseñada para permitir un acceso a esta xunta e facilitar así os labores de mantemento ou reparación. A pasarela terá 4,1 metros de ancho e 2,4 metros de ancho, e estará composta por lousas alveolares pretensadas prefabricadas de formigón apoiadas sobre os macizos do mesmo material, cunha banda de neopreno a modo de soporte. Posto que a infraestrutura está encostada a unha ponte da estrada, só será necesaria a varanda dun só lado. O orzamento para executar esta pasarela ascende a 10.594 euros.

Doutra banda, na DP-3604 construirase unha pasarela de 6 metros de ancho e 2,4 metros de ancho, composta tamén por lousas alveolares pretensadas prefabricadas de formigón, apoiadas sobre unhas vigas de cargadeiro e cunha banda de neopreno. O taboleiro estará formado por dúas lousas de 1,2 metros de ancho, con 15 cm de canto, cunha capa de compresión de 10 centímetros e 6 metros de longo. Contará con varandas a ambos os dous lados, xa que transcorre a 4,5 metros da ponte da estrada. As varandas ancoraranse directamente sobre a lousa. O orzamento para executar esta pasarela ascende a 12.340 euros.

Visítanos en   Chámanos ao 981 080 509, escríbenos a  pel@dacoruna.gal , realiza unha consulta (formulario) ou solicita unha cita presencial X