Estás en:Emprego Novas

Formoso traslada “toda a solidariedade e cariño da provincia da Coruña” ás persoas afectadas pola DANA

O presidente da Deputación participou esta mañá no minuto de silencio en memoria das vítimas ante a Delegación do Goberno en Galicia

Formoso traslada “toda a solidariedade e cariño da provincia da Coruña” ás persoas afectadas pola DANA

O presidente da Deputación da Coruña, Valentín González Formoso, participou esta mañá, xunto ao delegado do Goberno, Pedro Blanco Lobeiras, no minuto de silencio convocado pola Delegación do Goberno en Galicia en sinal de loito polas vítimas da DANA no noso país.

O acto congregou numerosas autoridades locais e representantes da sociedade coruñesa como o presidente do TSXG, José María Gómez Díaz-Castroverde, a subdelegada do Goberno, María Rivas, o presidente de Portos do Estado, Álvaro Rodríguez, a delegada territorial da Xunta, Belén Docampo, ou deputadas e deputados provinciais dos distintos grupos que forman parte da corporación provincial, así como representantes das forzas e corpos de seguridade do Estado.

Ao remate do acto, en declaracións aos medios, Formoso enviou a súa solidariedade e afecto ás miles de persoas afectadas pola traxedia. "Como presidente da Deputación da Coruña quero enviar unha mensaxe de consternación absoluta ante esta situación tan extrema", afirmou Formoso, que trasladou "a solidariedade e cariño de toda a provincia da Coruña aos familiares das vítimas e ás miles de persoas que están a sufrir as consecuencias desta catástrofe", afirmou.

Onte mércores, representantes políticos e traballadores e traballadoras da Deputación da Coruña concentráronse tamén nun minuto de silencio fronte á sede da institución provincial para mostrar a súa solidariedade cos afectados por esta catástrofe, que deixa cando menos 95 persoas mortas, moitas desaparecidas e importantes danos materiais.

Visítanos en   Chámanos ao 981 080 509, escríbenos a  pel@dacoruna.gal , realiza unha consulta (formulario) ou solicita unha cita presencial X