Estás en:Emprego Novas

Érica Esmorís e Rosa Aneiros gañan o XVIII Premio Raíña Lupa de LIX

Esmorís leva o galardón na categoría Infantil, pola obra "Terás que crela", e Aneiros, na modalidade Xuvenil, por "Unha historia de amor como outra calquera"

É a primeira edición na que o certame convoca e outorga os galardóns nesas dúas categorías independentes

Érica Esmorís e Rosa Aneiros gañan o XVIII Premio Raíña Lupa de LIX

O XVIII Premio Raíña Lupa de literatura infantil e xuvenil, da Deputación da Coruña, xa ten ganadoras: Érica Esmorís, na modalidade Infantil, pola obra "Terás que crela", e Rosa Aneiros, na modalidade Xuvenil, por "Unha historia de amor como outra calquera". É a primeira edición na que o certame convoca e outorga os galardóns nesas dúas categorías independentes.

A deputada de Cultura, Natividade González, presidiu o xurado que integraron os vogais Rafael Fernández Lorenzo, Iria Misa, Leticia Barbadillo, Raquel Senra e Carlos Negro. Como secretaria actuou Manuela Muñiz, xefa do Servizo de Acción Social, Cultural e Deportes; e tamén estivo presente nas deliberacións Marcos Sánchez, d'A Forxa Producións, coordinadora dos premios e concursos convocados pola institución provincial.

De "Terás que crela", o xurado destacou "a potencia da voz protagonista, o sentido do humor e a proposta lúdica da historia". "A mentira", abunda o comité, "é motor da ficción que enriquece a vida da protagonista e que lle permite valorar o extraordinario da vida cotiá".

Para o xurado, "Unha historia de amor como outra calquera" é unha novela "de aprendizaxe, con sentido do humor, que establece un contraste interesante entre o mundo cotiá da adolescente protagonista e o mundo científico da Antártida. É unha obra áxil, que se le con agrado, con estrutura circular e que fai un uso da lingua actual e vivo. Incide, ademais, nas relacións interpersoais na familia e na conciencia ecolóxica, e destaca a orixinalidade de presentar o amor máis alá das relacións románticas na adolescencia".

O Premio Raíña Lupa de literatura infantil e xuvenil, impulsado pola área de cultura da Deputación, ten como obxectivo fomentar a creatividade literaria dirixida ao mundo dos máis pequenos e facer memoria desta personaxe de lenda vinculada ás terras de Compostela.

Visítanos en   Chámanos ao 981 080 509, escríbenos a  pel@dacoruna.gal , realiza unha consulta (formulario) ou solicita unha cita presencial X