Estás en:Emprego Novas

Os escritores Brais Lamela e María Sánchez protagonizan a terceira edición de “Un Torrente de Conversas”

O martes, 26 de novembro ás 19.30 h, a librería Cronopios de Compostela acolle a conversa baixo o título "Literatura contra a extinción"

Lamela e Sánchez forman parte do xurado do XXXVI Premio Torrente Ballester de Narrativa que se reunirá o mércores 27 no Pazo de Mariñán

Os escritores Brais Lamela e María Sánchez protagonizan a terceira edición de “Un Torrente de Conversas”

A Deputación da Coruña organiza unha nova edición de "Un Torrente de Conversas" con Brais Lamela e María Sánchez como protagonistas deste 2024. Os dous escritores forman parte do xurado do XXXVI Premio Torrente Ballester de Narrativa que se reunirá o 27 de novembro no Pazo de Mariñán para elixir as obras gañadoras en galego e castelán.

O obxectivo da Deputación, un ano máis, é achegar os premios literarios convocados polo departamento provincial de cultura ás librerías e ao público lector con actividades paralelas. "Literatura contra a extinción" é o título do encontro entre Brais Lamela e María Sánchez, unha conversa moderada pola xornalista Susana Pedreira que terá lugar na Librería Cronopios de Compostela o martes, 26 de novembro ás 19.30 h, con entrada de balde ata completar aforo.

Un Torrente de Conversas desde 2021
Desde hai tres anos, esta actividade paralela do Premio Torrente Ballester de Narrativa, permitiu ao público lector escoitar conversas entre Manuel Rivas e Ignacio Martínez de Pisón, Víctor Freixanes e Bibiana Candia ou Ledicia Costas, Diego Ameixeiras e Cristina Sánchez-Andrade.

Neste mes de novembro, chega a terceira edición cun escritor e unha poeta que comparten na súa literatura o interese pola memoria dos territorios e fogares que habitamos. "Un Torrente de Conversas" volverá poñer no centro a palabra, a lingua e a literatura para unir aos autores co público lector

Máis de tres décadas premiando literatura
A área de Cultura da Deputación da Coruña pechará a concesión dos premios literarios deste 2024 coa reunión dos xurados do Premio Torrente Ballester no Pazo de Mariñán o 27 de novembro. Un encontro que é tamén unha festa da letras coa convivencia no Pazo de dez escritores e xornalistas culturais para decidir cales son as dúas obras gañadoras en galego e castelán.

Desde 1989, a Deputación contribúe á produción literaria coa convocatoria de certames literarios que buscan acrecentar a calidade fabuladora e a creatividade que caracteriza as nosas autoras e autores, e coa vontade de homenaxear a figuras relevantes da cultura galega como Dieste, Murguía, Castelao ou Torrente Ballester.

Nestas tres décadas, a nómina de premiados inclúe nomes imprescindibles na actualidade como Manuel Rivas, Blanca Riestra, Agustín Fernández Paz, Luisa Castro, Ignacio Martínez de Pisón, Marilar Aleixandre, Andrea Maceiras, Roberto Vidal Bolaño ou Teresa Moure.

Visítanos en   Chámanos ao 981 080 509, escríbenos a  pel@dacoruna.gal , realiza unha consulta (formulario) ou solicita unha cita presencial X