Estás en:Emprego Novas

Formoso agradece a “implicación e solidariedade” dos bombeiros provinciais que axudaron nas tarefas de recuperación das localidades valencianas afectadas pola DANA

O presidente da Deputación participou hoxe na Estrada nun encontro organizado pola Xunta cos máis de 300 efectivos de emerxencias galegos que colaboraron no dispositivo en Valencia

Formoso agradece a “implicación e solidariedade” dos bombeiros provinciais que axudaron nas tarefas de recuperación das localidades valencianas afectadas pola DANA

O presidente da Deputación da Coruña e do Consorcio Provincial Contraincendios e Salvamento, Valentín González Formoso, participou hoxe na localidade pontevedresa da Estrada xunto ao presidente da Xunta de Galicia, Alfonso Rueda, nun acto cos máis de 300 efectivos galegos de emerxencias que colaboraron nas tarefas de recuperación das localidades valencianas máis afectadas pola DINA, entre eles varios voluntarios do Consorcio Provincial de Bombeiros da Coruña, dos Grupos de Emerxencias Supramunicipais (GES) e das agrupacións de Protección Civil da provincia da Coruña.

Formoso agradeceu "a implicación e solidariedade" dos efectivos coruñeses, "que deron o mellor de si para axudar nos traballos de recuperación de localidades como Paiporta e Picanya, que sufriron con especial dureza os devastadores efectos da DINA, nunha mostra de solidariedade e profesionalidade que nos enche de orgullo", afirmou o presidente provincial.

Durante os últimos días, seis efectivos dos bombeiros provinciais pertencentes aos parques comarcais das Pontes, Betanzos e Carballo, xunto con voluntarios de protección civil dos GES da provincia realizaron labores de desentullo, achique de baixos e sotos, retirada de vehículos e limpeza das rúas nestas localidades.

Formoso destacou que a Deputación da Coruña e o Consorcio Provincial Contraincendios están a dispor da Xunta de Galicia para prestar a súa colaboración en calquera acción que sexa precisa no proceso de recuperación e rehabilitación das zonas afectadas.

Visítanos en   Chámanos ao 981 080 509, escríbenos a  pel@dacoruna.gal , realiza unha consulta (formulario) ou solicita unha cita presencial X