Estás en:Emprego Novas

O deputado de patrimonio, Xosé Penas, inaugura as xornadas ‘Memoria Consciente: miradas cruzadas aos retos do feminismo no patrimonio’

Hoxe comezou no Muncyt a sétima edición das Xornadas Científicas, promovidas pola Área de Patrimonio da institución provincial, que continuarán mañá no Muncyt e tamén cunha ruta e unha visita ao Conservatorio Profesional de Danza da Coruña
Penas destacou que o obxectivo destas xornadas é "fomentar a vocación científica e a visibilización das mulleres en todos os eidos da ciencia, non só na procura de referentes senón tamén para poñer en valor todo o traballo que se fai no noso país"

O deputado de patrimonio, Xosé Penas, inaugura as xornadas ‘Memoria Consciente: miradas cruzadas aos retos do feminismo no patrimonio’

O Muncyt acolleu hoxe a primeira sesión da sétima edición das Xornadas Científicas da área de Patrimonio da Deputación, que baixo o nome 'Memoria Consciente: miradas cruzadas aos retos do feminismo no patrimonio', pon o foco no papel da muller do patrimonio. Estas xornadas continuarán mañá: pola mañá no Muncyt, e, pola tarde, chegarán ao Obelisco para, dende alí, facer un percorrido pola historia das mulleres na Coruña desde o patrimonio, que rematará no conservatorio de danza coa actuación musical da violonchelista Margarida Mariño.


O deputado de patrimonio, Xosé Penas, foi o encargado de inaugurar unhas xornadas "que naceron en 2021 no Dolmen de Dombate como símbolo científico e patrimonial do noso país, como unha experiencia, diría que unha necesidade, de mesturar a ciencia coa sociedade a través de propio patrimonio que en definitiva parte da ciencia, e que chegaron para quedar, como unhas xornadas de aprendizaxe, de intercambio, e de participación". Nesta sétima edición, "falaremos dos retos que ten que afrontar o feminismo centrados no patrimonio material, estruturando as xornadas en dous bloques: Museoloxía e Arqueoloxía e Arquitectura e Urbanismo, coas mellores profesionais do momento".


Penas engadiu que o obxectivo pasa por "fomentar a vocación científica e a visibilización das mulleres en todos os eidos da ciencia, non só na procura de referentes senón tamén para poñer en valor todo o traballo que se fai no noso país. Porque temos unha fenda de xénero que transcende a toda a sociedade, pero moito máis aínda no que fai referencia ao coñecemento e divulgación".


Conferencias, mesas redondas, obradoiros, actuacións artísticas e unha ruta que percorrerá a historia das mulleres na Coruña desde o patrimonio compoñen o programa destas xornadas de 'Memoria Consciente: miradas cruzadas aos retos do feminismo no patrimonio' impulsadas pola área de patrimonio da Deputación da Coruña.

Visítanos en   Chámanos ao 981 080 509, escríbenos a  pel@dacoruna.gal , realiza unha consulta (formulario) ou solicita unha cita presencial X