Estás en:Emprego Novas
Violencia de xénero

25N: Día Internacional para a Eliminación da Violencia contra as Mulleres

Cada 11 minutos asasínase unha muller. ÚNETE para poñer fin á violencia contra as mulleres: #DeFronte á violencia de xénero #NonHaiEscusa

A violencia contra as mulleres e as nenas segue sendo unha das violacións dos dereitos humanos máis estendidas e xeneralizadas do mundo.

25N: Día Internacional para a Eliminación da Violencia contra as Mulleres

25N: Día Internacional para a Eliminación da Violencia contra as Mulleres

A violencia contra as mulleres e as nenas segue sendo unha das violacións dos dereitos humanos máis estendidas e xeneralizadas do mundo. Calcúlase que, a nivel global, case una de cada tres mulleres foron vítimas de violencia física e/ou sexual polo menos unha vez na súa vida.

En 2022, ao redor de 48.800 mulleres e nenas de todo o mundo morreron a mans das súas parellas ou outros membros da súa familia. Trátase dunha secuela que se intensificou en diferentes contornas, incluídos o lugar de traballo e os espazos en liña, e viuse agravada polos conflitos e o cambio climático.

A violencia impacta a saúde física, sexual e psicolóxica das mulleres en todas as etapas da súa vida, afectando a súa educación, emprego e oportunidades. Algunhas mulleres e nenas, como aquelas en situación de vulnerabilidade ou crise humanitarias, migrantes, indíxenas ou con discapacidades, enfrontan maior risco.

A violencia contra a muller segue sendo un obstáculo para a igualdade, o desenvolvemento e a paz, así como para o respecto dos dereitos humanos. A promesa dos Obxectivos de Desenvolvemento Sostible (ODS) de non deixar que ninguén quede atrás, non poderá cumprirse sen primeiro poñer fin á violencia contra mulleres e nenas.

DE FRONTE á violencia de xénero

Bota a andar un ano máis, impulsada dende a Área de Igualdade da Deputación da Coruña, con motivo da conmemoración do 25 de novembro, Día Internacional da Eliminación da Violencia contra as Mulleres, a campaña DE FRONTE á violencia de xénero, unha campaña e programa de actividades que apelan directamente á implicación dos Concellos da provincia, estendendo o chamado á acción a calquera outra entidade do tecido social, educativo, empresarial, familias, etc.

Esta campaña procura promover a creación dunha rede de administracións locais e entidades sensibles e comprometidas coa igualdade e a erradicación da violencia de xénero, xerando sinerxías entre elas, coa propia Deputación, e co resto da sociedade.

Dende a Biblioteca Provincial da Deputación da Coruña unímonos á campaña #DeFronte a Violencia de Xénero, da Área de Igualdade da Deputación da Coruña, con diversas actividades:

  • OBRADOIRO INFANTIL. Creatividade pola igualdade: puntadas que rachan estereotipos é un proxecto de dinamización nas bibliotecas da provincia, cos obxectivos de compartir e asumir responsabilidades, familiares e sociais, de forma conxunta, evitando estereotipos sexistas, educar en igualdade como instrumento para previr todo tipo de violencia cara ás mulleres, sensibilizar actitudes de respecto cara ás demais persoas sen ningún tipo de discriminación por razón de xénero, pór en práctica os valores como a igualdade en todas as súas vertentes, formar aos nenos e nenas en habilidades sociais, empatía, educación para a igualdade de xénero, como ferramentas principais de sensibilización e promoción da igualdade, aumentar a capacidade creativa dos nenos e nenas, posibilitar un espazo lúdico, fomentar o traballo cooperativo e a igualdade, desenvolver valores de respecto cara aos demais e ao medio que lles rodea e aprender a través do xogo e actividades divertidas . As actividades terán lugar en diferentes concellos da provincia da Coruña e están orientada a nenos e nenas de 7 a 11 anos. Consulta aquí o calendario de actividades pola provincia.
  • CONCERTO MUSICAL. O día 29 de novembro, ás19:00 horas, terá lugar o concerto "VOCES DE MULLER-BLACK ACOUSTIC", un espectáculo musical no que se fará un percorrido narrativo e musical pola vida de numerosas artistas femininas que marcaron un antes e un despois no panorama musical.
  • GUÍA DE LECTURA. Elaboramos unha guía de lectura con algúns dos recursos cos que contamos na biblioteca que tratan o tema da violencia de xénero. As seccións están divididas nos libros físicos cos que contamos; cos recursos que se atopan na nosa biblioteca dixital EbiblioDaCoruna; os libros infantís e xuvenís que falan da violencia de xénero; e tamén os recursos audiovisuais.

Todos os recursos físicos podes consultalos no catálogo da Biblioteca Provincial e os recursos dixitais na biblioteca dixital eBiblioDaCoruna

  • RECUNCHOS TEMÁTICOS. Tamén espallamos recunchos temáticos con recursos para o préstamo nas diferentes salas da biblioteca e tamén na eBiblioDaCoruna. Escolmas escollidas polas nosas bibliotecarias, para reflexionar e coñecer sobre a violencia contra as nenas e as mulleres.

Se queres afondar no tema, dende a Área de Igualdade da Deputación da Coruña propóñense máis accións e recursos, tes toda a información en: https://defronte.gal

Visítanos en   Chámanos ao 981 080 509, escríbenos a  pel@dacoruna.gal , realiza unha consulta (formulario) ou solicita unha cita presencial X