Estás en:Emprego Novas

A Deputación destaca a importancia da recuperación do Muíño de Xuvia, “un emblema do patrimonio industrial de Narón e de toda a comarca”

O presidente e o vicepresidente da Deputación participaron xunto á alcaldesa de Narón na inauguración do novo Centro de Interpretación dos Muíños Industriais de Xuvia (CIMIX-Narón), que abre as súas portas ao público tras culminar o proceso de restauración e musealización

A restauración e musealización do Muíño de Xuvia, que data do século XVIII, supuxo un investimento de 1,5 millóns e foi cofinanciada pola Deputación da Coruña

A Deputación destaca a importancia da recuperación do Muíño de Xuvia, “un emblema do patrimonio industrial de Narón e de toda a comarca”

O novo Centro de Interpretación dos Muíños Industriais de Xuvia (CIMIX-Narón) abre desde hoxe as súas portas ao público, culminando un longo e complexo traballo de rehabilitación, que supuxo un investimento de 1,5 millóns de euros, "para recuperar un emblema do patrimonio industrial non só de Narón, senón de toda a comarca".

Así o definiu o presidente da Deputación da Coruña, Valentín González Formoso, que esta tarde participou xunto ao vicepresidente da institución provincial, Xosé Regueira, e e alcaldesa de Narón, Marián Ferreiro, na inauguración do Muíño de Xuvia, que hoxe abriu as súas portas como centro de interpretación da actividade dos muíños industriais, recuperando a historia deste inmoble, que data do século XVIII, e a importancia a fabricación de fariñas e pan tivo en toda a comarca de Ferrolterra.

Formoso lembrou que durante o século XVIII formouse na contorna do río Xuvia un incipiente enclave industrial arredor da fabricación de fariña, pero tamén doutros elementos como papel, coiro ou cobre, "que os empresarios franceses Lestache e Bucau souberon aproveitar, constituíndo a Real Fábrica de Fariñas de Xuvia, que situou a Narón como enclave de referencia na produción industrial de fariña que fornecía a toda a comarca e incluso aos territorios españois en ultramar". "A fariña de Xuvia alimentou a moitas familias durante aqueles tempos difíciles", afirmou o presidente.

Agora, esa historia será divulgada con este proxecto museístico, que comezou en 2009, cando o Concello de Narón adquiriu o Muíño; continuou coa rehabilitación do inmoble, que supuxo un investimento de 1,25 millóns cofinanciados con fondos europeos (523.000 €), Deputación da Coruña (400.000 €) e Concello de Narón (330.000 €) e remata agora coa musealización do conxunto, que supuxo un investimento adicional de 240.000 euros.

Formoso destacou "o esforzo colectivo" que supuxo a recuperación do muíño e incidiu na "importancia de preservar o patrimonio como parte fundamental da identidade local", un aspecto no que a Deputación da Coruña "é especialmente sensible, como demostramos coa recuperación de enclaves de referencia como o mosteiro de Caaveiro ou o dolmen de Dombate".

O presidente destacou "o minucioso traballo de rehabilitación levado a cabo neste proxecto, cunha mestura de respecto ao pasado e visión de futuro", que permitiu restaurar os muíños e as súas maquinarias para que funcionen igual que o facían no século XVIII e outras estruturas históricas, como a vivenda da familia Lestache, e incorporando materiais como a pedra, a madeira de castiñeiro, o vidro e o aceiro de forma harmoniosa, "facendo deste espazo un exemplo de como o pasado pode convivir co presente".

"Transformar este antigo muíño nun centro interpretativo permitirá á cidadanía coñecer en profundidade a historia dos muíños e o seu impacto na industria. A musealización do muíño de Xuvia non só preserva este patrimonio, senón que o pon ao servizo de todos", afirmou o presidente da Deputación, que invitou á veciñanza a descubrilo.

O vicepresidente e responsable de Turismo, Xosé Regueira, sinalou que a Deputación da Coruña "ten moi presente a obriga de colaboración entre as diferentes administracións públicas e dotámonos de instrumentos de cooperación cuantiosos para achegarlle aos concellos da provincia recursos importantes,que van incluso máis aló dos servizos básicos municipais, como neste caso".

"Ás veces atopámonos con proxectos singulares coma este, e así o entendemos dende un inicio, cando o goberno municipal nos propuxo recuperar o muíño da Xuvia, un proxecto no que colaboramos achegando 400.000€ coa convicción de que é un patrimonio excepcional: A antiga Real Fábrica de Fariñas, o muíño máis importante no seu momento do Estado de viaxes de ultramar, que conservou esa posición de primeira fábrica de fariñas durante boa parte do século XVIII e que, cando foi caendo en declive ese modelo industrial, conservou a súa espectacularidade e monumentalidade", apuntou Regueira.

"Soubemos desde un primeiro momento que recuperar este patrimonio industrial e histórico do concello de Narón non era só unha obra de interese para a poboación local, senón para toda a provincia e toda Galicia. Un patrimonio que lle vai dar valor ao Camiño Inglés e contribuír a unha oferta turística máis diversificada no concello, en Ferrolterra e en toda a provincia, por iso non podemos máis que festexar este momento", destacou o vicepresidente.

Obras de restauración

As obras de restauración tiveron lugar no conxunto de tres inmobles: o muíño propiamente dito, as vivendas e os almacéns, unidos estes dous últimos polo patio e os corredores de acceso.

Por unha banda, o muíño foi restaurado ao seu estado primitivo, incluíndo obxectos fabrís para poder ser mostrados aos visitantes. Por outro lado, as vivendas foron no seu día espazos domésticos e agora están liberadas de tabiques, polo que se destinou a planta baixa a museo e a alta a un espazo polivalente para talleres, cursos ou exposicións máis temporais.

Por último, o almacén, que no seu momento servía como espazo de almacenaxe de sal, foi destinado a recepción de visitantes e zona de información e exposición de produtos naturais, artesanía e literatura local, ademais de dispor de aseos e un espazo de servizo de persoal.

Deste xeito, o complexo dispón dunha planta baixa e unha primeira planta que, en total, suman máis de 1.430 metros cadrados útiles que recibirán visitas guiadas, excursións escolares e talleres. O Centro de Interpretación dos Muíños Industriais de Xuvia (Cimix), como foi bautizado o complexo, tamén distribuirá credenciais de peregrino.

Visítanos en   Chámanos ao 981 080 509, escríbenos a  pel@dacoruna.gal , realiza unha consulta (formulario) ou solicita unha cita presencial X