Estás en:Emprego Novas

A deputada de cultura destaca na inauguración das ‘XVIII Xornadas A cultura é un dereito’ a importancia da cultura para a saúde

Estas xornadas, que se celebran hoxe no Pazo de Mariñán, poñen o foco na relación entre e arte e saúde, particularmente da música

Ugia Pedreira é a comisaria e tamén relatora, acompañada de con Antoni Rodríguez Fornells, Robert Pier, Mihaela Duma, Cristian Terán, Antonio Salas, Laura Navarro e Chefa Alonso

Natividade González destacou durante a apertura que "Dende a área de cultura da Deputación somos moi conscientes de que a cultura é moito máis que un concerto, unha exposición ou unha obra de teatro. Sabemos do seu efecto sanador, da súa esencialidade como elemento transformador, de identidade e evolución, a todos os niveis, da nosa sociedade"

A deputada de cultura destaca na inauguración das ‘XVIII Xornadas A cultura é un dereito’ a importancia da cultura para a saúde

O Pazo de Mariñán celebra hoxe as 'XVIII Xornadas A cultura é un dereito', organizadas pola área de cultura da Deputación coa colaboración da Oficina Galega de Outros Asuntos do Movemento e a Asociación A Memoria é Náufraga, que nesta edición, baixo o nome 'Arte e saúde. A música', céntranse na relación entre estes dous ámbitos e na música como ferramenta social e terapéutica.

A deputada de cultura, Natividade González, inaugurou o programa, "de primeirísimo nivel, diverso e ambicioso, como o é a nosa cultura", que se centra "nunha temática tan pouco explorada como é a relación entre arte e saúde, concretamente da música", destacou. González sinalou que "a cultura é un dereito porque, entre outras cousas, mellora as nosas vidas, o noso benestar e a nosa saúde. Son infinitos os exemplos de como a arte serve para apoiar tratamentos sanitarios a nivel cognitivo, emocional e físico en todas as etapas da vida. E hoxe veremos algúns".

"Dende a área de cultura da Deputación somos moi conscientes de todo isto, de que a cultura é moito máis que un concerto, unha exposición ou unha obra de teatro. Sabemos do seu efecto sanador, da súa esencialidade como elemento transformador, de identidade e evolución, a todos os niveis, da nosa sociedade. Por iso, dende esta administración pública, seguiremos defendendo este lema de "A cultura é un dereito" apoiando a cultura dende todos os ámbitos posibles", apuntou a deputada, para posteriormente dar paso "a unha xornada de auténtico luxo, que seguro que nos serve para aprender, pero tamén para compartir, crecer e continuar mellorando, colectiva e individualmente".

'Arte e saúde. A música', conta coa participación de Ugía Pedreira como comisaria e relatora, e tamén de outros profesionais dos dous ámbitos como Antoni Rodríguez Fornells, Robert Pier, Mihaela Duma, Cristian Terán, Antonio Salas, Laura Navarro e Chefa Alonso. Inclúe relatorios, un obradoiro de improvisación e unha mesa redonda na que Pedreira explica o proceso creativo de "Basal", o seu traballo musical máis recente; Pier, paciente de hemiparesia e outras patoloxías mentais, fala de como integrar a diversidade funcional dentro do ámbito cultural de forma accesíbel; e Duma, diagnosticada de esclerose múltiple, conta a súa experiencia coa enfermidade como testemuña e divulgadora desde os ámbitos da educación o pensamento e a comunicación.

Visítanos en   Chámanos ao 981 080 509, escríbenos a  pel@dacoruna.gal , realiza unha consulta (formulario) ou solicita unha cita presencial X