Estás en:Emprego Novas

Formoso felicita a MEGASA, “un exemplo da capacidade emprendedora da comarca de Ferrolterra” na entrega do Galardón Empresarial COFER

O presidente da Deputación destacou que o recoñecemento "non só celebra o éxito dunha empresa clave na historia" do territorio, "senón tamén o esforzo, o traballo ben feito e os valores que a converteron nun referente no seu sector en toda España"

Formoso felicita a MEGASA, “un exemplo da capacidade emprendedora da comarca de Ferrolterra” na entrega do Galardón Empresarial COFER

O presidente da Deputación da Coruña, Valentín González Formoso, participou esta tarde en Exponav-Ferrol no acto de entrega do Galardón Empresarial COFER, que este ano recaeu no grupo MEGASA pola súa traxectoria empresarial.

No acto participaron tamén o presidente da Confederación de Empresarios de Ferrolterra, Eume e Ortegal (COFER), Cristóbal Dobarro; o presidente da Confederación de Empresarios de Galicia (CEG), Juan Manuel Vieites; o alcalde de Ferrol, José Manuel Rey Varela; o delegado do Goberno en Galicia, Pedro Blanco; e o presidente da Xunta de Galicia, Alfonso Rueda.

Durante a súa intervención, Formoso felicitou a MEGASA por este recoñecemento, que "non só celebra o éxito dunha empresa clave na historia desta comarca, senón tamén o esforzo, o traballo ben feito e os valores que a converteron nun referente no seu sector en toda España".

Para o presidente provincial, "o que comenzou cun pequeno taller de chapa e remaches, foi medrando ata converterse nunha das maiores industrias metalúrxicas de España, demostrando unha vez máis a capacidade dos emprendedores desta comarca".

Valentín González Formoso lembrou a historia de Bartolomé Freire, o maior de 10 irmáns nunha familia de As Somozas, que non só axudaba desde neno ao seu pai na fragua familiar, senón que tivo un carácter "curioso e emprendedor" que lle fixo traballar na Coruña, emigrar a Cuba e regresar con coñecementos sobre a industria siderúrxica para regresar á súa terra en 1933 e montar o seu primeiro negocio en Xuvia, no municipio de Narón.

"Aquel alpendre de madeira marcou o comezo dunha traxectoria que se consolidaría coa fundación de Freire Hermanos en 1943 e máis tarde, coa creación de Metalúrgica Galaica (MEGASA) en 1953", destacou o presidente da Deputación, que recalcou que "non é casualidade que os emprendedores que crearon outras grandes empresas galegas teñan tamén a súa orixe nun tempo e lugar moi próximos aos de Bartolomé".

"Parabéns a MEGASA e a todas as persoas que forman parte deste gran proxecto. Este galardón COFER é o recoñecemento a anos de traballo, a un legado de esforzo e dedicación, e a unha historia que segue escribíndose hoxe coa mesma paixón daqueles primeiros días coas novas xeracións da familia Freire, a historia dun xigante empresarial do aceiro, que aposta pola innovación e mira ao futuro sen esquecer as súa raíces nun pequeno alpendre de Xuvia", finalizou o presidente.

Visítanos en   Chámanos ao 981 080 509, escríbenos a  pel@dacoruna.gal , realiza unha consulta (formulario) ou solicita unha cita presencial X