A Deputación participou na presentación do libro "Renata, a miña nefróloga" en galego
O libro é unha iniciativa da Fundación Renal coa colaboración de Alcer Galicia
Os alumnos de primaria do CEIP Eusebio da Guarda da Coruña foron os encargados de dar a coñecer a versión en galego do proxecto Renata, a miña nefróloga, un libro ilustrado para fomentar a saúde renal desde a infancia. Os nenos e nenas participaron nun obradoiro interactivo no que aprenderon como funcionan os riles, así como a importancia de coidalos. Ademais, aceptaron o encargo de converterse en embaixadores para o fomento da saúde renal entre os seus compañeiros, profesores, amigos e familiares.
Este é o espírito do libro presentado hoxe, cuxo obxectivo é, a través da mocidade, sensibilizar a toda a poboación sobre esta enfermidade, que nalgúns lugares xa afecta ao 15% da poboación e que a OMS sitúa entre as dez enfermidades que causan maior mortalidade no mundo. "Trátase dunha enfermidade descoñecida a pesar da súa alta incidencia, e silenciosa porque non produce síntomas; os riles non doen, por iso é fundamental poñer o foco na prevención", asegurou Lola Arenas, nefróloga, directora asistencial da Fundación e autora de Renata, durante a súa intervención na presentación da edición en galego do proxecto.
A doutora Arenas explicou que Martina, unha nena de primaria, e Renata, a nefróloga do seu pai enfermo, son as dúas protagonistas de Renata, a miña nefróloga, un libro editado en castelán, galego e valenciano. A Fundación Renal distribúeo gratuitamente nos colexios de toda España para que poida ser utilizado como material didáctico escolar e pase a formar parte dos libros recomendados para lectura nas escolas. O obxectivo é dar visibilidade á enfermidade renal, aos diferentes modelos de tratamento renal substitutivo e concienciar desde a infancia nas estratexias de prevención e na doazón de órganos.
Colaboración coa Federación Alcer Galicia
Tanto para a presentación do proxecto como para a súa difusión en Galicia, a Fundación conta coa colaboración da Federación Alcer Galicia, cuxo traballador social, Alfredo Saborido, destacou a importancia de coidar a saúde renal desde a infancia, porque sinalou: "É máis fácil aprender bos hábitos que desaprender aqueles que adquirimos e que son prexudiciais". Pola súa parte, a directora do colexio Eusebio da Guarda, María Blanco, subliñou a relevancia deste tipo de iniciativas, que fomentan hábitos saudables desde os primeiros anos.
Ao acto asistiron a deputada delegada de Educación da Deputación da Coruña, Yoya Neira, o concelleiro de Educación do Concello da Coruña, Juan Ignacio Borrego; e Amparo San José, subdirectora de Humanización e Atención á Cidadanía da Área Sanitaria da Coruña e Cee.
Yoya Neira felicitou á Fundación Renal pola iniciativa de traducir este libro ao galego e destacou "a importancia de que os nenos e nenas conten con ferramentas de información adecuada á sua idade e o seu valor, como prescritores no seo das familias, para os temas relacionados coa saúde".
Renata, a miña nefróloga conta tamén coa colaboración de asesores infantís expertos, concretamente nenos e nenas pacientes do servizo de Nefroloxía do Hospital Universitario Gregorio Marañón e participantes no campamento CRECE da Federación de Asociacións ALCER, que participaron en talleres para testar o contido e melloralo coas súas suxestións.
Desde o seu lanzamento, o libro xa se presentou en máis de 50 colexios e está dispoñible para o seu envío gratuíto a quen o solicite enviando un correo a info@friat.es. Ademais, a Fundación desenvolveu materiais formativos e unha unidade didáctica dispoñibles na nosa páxina web para facilitar o desenvolvemento dos obradoiros nos centros.