A Deputación presenta ás principais cadeas de televisión, plataformas de contidos e produtoras cinematográficas de España o plató virtual Coruña Estudio Inmersivo (CEI)
No marco do 18º Congreso "I+P Ideas para Producir", organizado polo Clúster Audiovisual Galego, a Deputación da Coruña presenta mañá a directivos e responsables de contidos das principais cadeas de televisión, plataformas de contidos e produtoras cinematográficas de España o plató virtual "CORUÑA ESTUDIO INMERSIVO- CEI", unha ambiciosa iniciativa cun investimento de máis de 9 millóns de euros que pretende revolucionar a produción de cine e series de TV na provincia.
O presidente da Deputación, Valentín González Formoso, o presidente do Clúster Audiovisual Galego, Alfonso Blanco, o reitor da UDC, Ricardo Cao, e o director de Mundos Digitales, Manuel Meijide, participarán no acto, no que explicarán a importancia que o CEI terá para potenciar a industria audiovisual galega.
Entre os asistentes confirmados estarán directivos e responsables de contidos de empresas como RTVE, Atresmedia Cine e TV, Mediaset España, Movistar +, Amazon Prime Video, Warner Bros Discovery, Filmax, A Contracorriente Films, Voz Audiovisual, Portocabo ou Vaca Films, entre outros.