Rioboo participou na entrega dos premios da Fundación CEDE na Coruña
Adolfo Domínguez, Fundación Érguete-Integración, Grupo Cortizo, Grupo Zendal, Lence e Monbus foron as empresas e entidades premiadas
Os galardóns recoñecen as empresas, entidades e líderes pola súa achega en áreas como o compromiso social, o desenvolvemento empresarial ou a innovación
A Fundación CEDE-Confederación Española de Directivos e Executivos entregou esta tarde os seus premios anuais á excelencia empresarial no marco do XXIII Congreso de Directivos CEDE, que este ano ten á Coruña como localidade anfitrioa. A entrega de premios tivo lugar no Concello Coruña e congregou a destacados directivos, empresarios e representantes institucionais, entre eles a alcaldesa da Coruña, Inés Rey, e o deputado de Economía, Facenda e Avance Dixital, José Ramón Rioboo.
Os premios concedidos pola Fundación CEDE, que leva 27 anos impulsando o valor directivo, recoñecen ás empresas, entidades e líderes pola súa achega en áreas de sustentabilidade, impulso empresarial, traxectoria empresarial, investigación, compromiso social e empresa familiar.
Tras a entrega dos galardóns, o deputado José Ramón Rioboo, destacou que "cada un dos premiados esta noite representa unha peza fundamental no tecido empresarial e social de Galicia" e subliñou que os seus logros "non só nos inspiran, senón que nos lembran o impacto que as empresas poden ter na construción dunha sociedade máis equitativa, innovadora e sostible. Unha sociedade mellor", afirmou.
A alcaldesa da Coruña, Inés Rey, subliñou que "os premiados de hoxe representan os valores que queremos para o noso futuro: innovación, sustentabilidade e compromiso social".
Galardoados por categoría
Pau Herrera, secretario do padroado da Fundación CEDE, citou aos premiados que este ano foron recoñecidos:
• "Premio á sustentabilidade": A Adriana Domínguez, presidenta de Adolfo Domínguez, pola súa contribución ao reto da sustentabilidade como valor distintivo da súa compañía.
• "Premio ao impulso empresarial": A Raúl López, presidente de Monbus, polo crecemento e expansión da súa empresa.
• "Premio á traxectoria empresarial": A Carmen Lence, presidenta de Lence, polo seu compromiso co campo galego e as causas sociais.
• "Premio á investigación": A Grupo Zendal, polo seu traballo en vacinas e proxectos de saúde global.
• Premio ao compromiso social": "A Fundación Érguete-Integración, polo seu traballo en mellorar a vida das persoas vulnerables.
• "Premio á Empresa Familiar": A Grupo Cortizo, por converterse nunha multinacional líder no seu sector.
XXIII Congreso de Directivos de CEDE
O acto de entrega dos premios marca o inicio do XXIII Congreso de Directivos de CEDE, que reunirá a directivos e empresarios no PALEXCO da Coruña, sendo o evento de referencia para a cúpula empresarial do país. Mañá, 28 de novembro, os directivos compartirán unha xornada baixo o lema "Liderado en tempos de intelixencia artificial", abordando a situación actual e futura da economía.
O Congreso contará con máis de 2.000 congresistas de maneira presencial e retransmitido en directo. Na inauguración participará o presidente da Deputación da Coruña, Valentín González Formoso.