Estás en:Emprego Novas

O Pazo de Mariñán acolle as Xornadas Directivas da Axencia Tributaria 2024

O encontro reúne a responsables da Axencia Tributaria para debater sobre novidades en fiscalidade, recadación e xestión tributaria

O Pazo de Mariñán acolle as Xornadas Directivas da Axencia Tributaria 2024

O deputado responsable da área de Economía, Facenda e Avance Dixital da Deputación da Coruña, José Ramón Rioboo, participou hoxe xunto ao delegado do Goberno en Galicia, Pedro Blanco, a subdelegada do Goberno, María Rivas, e outras autoridades na inauguración das Xornadas Directivas da Axencia Tributaria 2024, que se celebran durante dous días no Pazo de Mariñán.

Rioboo deu a benvida á provincia da Coruña aos asistentes e destacou que o encontro "busca fomentar a reflexión e a análise profunda sobre os retos e novidades no ámbito tributario". "Confiamos en que estas xornadas sexan produtivas e reforcen a cooperación entre administracións, clave para adaptarnos aos retos do futuro", afirmou o deputado.

O evento, que reúne a responsables e expertos de distintas áreas da Axencia Tributaria, inclúe un amplo programa de relatorios e mesas redondas sobre as novidades na área de Aduanas e Impostos Especiais (IIEE), actualizacións na recadación tributaria, xestión e inspección tributaria, fiscalidade en sociedades mercantís estatais e relevancia xurídica dos intereses financeiros da UE.

Ademais de servir como un espazo de formación, as xornadas están concibidas como un foro de intercambio de ideas e boas prácticas entre administracións.

Visítanos en   Chámanos ao 981 080 509, escríbenos a  pel@dacoruna.gal , realiza unha consulta (formulario) ou solicita unha cita presencial X