Estás en:Emprego Novas

A Deputación destina 500.000 euros para construír unha residencia de saúde mental nas Pontes

O presidente provincial, Valentín González Formoso e o presidente da Asociación Saúde Mental Ferrol, Eume e Ortegal, Félix Pena, asinaron hoxe o convenio

Será a primeira residencia de saúde mental da área sanitaria de Ferrolterra, que non conta actualmente cun recurso destas características

O presidente da Asociación Saúde Mental Ferrol, Eume e Ortegal, Félix Pena, destaca que será "unha residencia con perspectivas de futuro, cun modelo de atención que non hai hoxe neste país"

A Deputación destina 500.000 euros para construír unha residencia de saúde mental nas Pontes

A Deputación da Coruña destinará 500.000 euros para cofinanciar as obras de construción dunha residencia de saúde mental no concello das Pontes.

O presidente Valentín González Formoso, e o presidente da Asociación Saúde Mental Ferrol, Eume e Ortegal, Félix Pena, asinaron hoxe luns na sede da institución provincial o convenio polo que a Deputación colaborará con medio millón de euros no financiamento desta nova Unidade Residencial, que terá capacidade para 25 persoas e estará situada nun predio de preto de 2.700 metros cadrados no lugar de Feáns, nas inmediacións da Fraga.

Formoso destacou a importancia dun proxecto que supón un investimento total de preto de 2 millóns de euros e "que vai dar solución a un problema que nos ten que facer reflexionar: será a primeira residencia de saúde mental de toda a comarca de Ferrolterra, Eume e Ortegal. É dicir, en 21 concellos con máis de 200.000 habitantes non hai a día de hoxe un centro destas características", apuntou o presidente, que destacou o importante traballo que vén desenvolvendo dende hai moito tempo a entidade "para lograr un servizo tan necesario e fundamental na comarca e para suplir as carencias que ten a administración no ámbito da saúde mental".

Destacou tamén que a Unidade Residencial é froito da colaboración institucional, pois no financiamento do proxecto participan o Concello das Pontes, a Xunta de Galicia con fondos europeos para política social e agora Deputación, que ven dar un novo impulso á residencia. "Para nós é unha felicidade axudar a facer a vida un pouco máis doada a xente que o necesita", afirmou o presidente e alcalde das Pontes subliñou tamén que, ademais de ofrecer un recurso moi necesario e demandado no ámbito da saúde mental, a residencia creará vinte postos de traballo especializados no municipio.

Pola súa banda, Félix Pena agradeceu o apoio económico e a implicación da Deputación da Coruña para a construción da residencia, "unha obra complexa e un investimento moi forte para a nosa entidade, para dotarnos dunha residencia con perspectivas de futuro, cun modelo de atención que non hai hoxe neste país". A residencia será a cuarta das súas características en Galicia, e permitirá cubrir a ausencia de recursos que neste ámbito ten a área sanitaria de Ferrolterra.

A nova Unidade Residencial de Saúde Mental terá capacidade para 25 persoas e funcionará dun xeito similar a un fogar tutelado. Contará con tres habitacións dobres, dezanove individuais e zonas comúns de ocio e para a realización de obradoiros e actividades, cociña, comedor e almacén, ademais de despachos e oficinas.

O aspecto exterior do inmoble será o dunha vivenda unifamiliar co co obxectivo de que as persoas usuarias poidan facer unha vida o máis normalizada posible, en réxime de convivencia familiar, integrada no ámbito comunitario e nun entorno vivo, próximo aos servizos sanitarios e sociais.

Entre os servizos que prestará destacan os programas individualizados de atención especializada, un plan de apoio familiar, asistencia nas actividades básicas da vida diaria, propostas de ocio e tempo libre, así como rehabilitación funcional, terapia ocupacional, estimulación cognitiva e atención psicolóxica.

A Asociación Saúde Mental Ferrol, Eume e Ortegal está integrada por persoas con enfermidade mental, os seus familiares e profesionais de distintos campos relacionados coa saúde mental. Naceu como asociación AFAES 'Porta Nova' en 1995, contando coa colaboración de varios profesionais no ámbito sanitario. Na actualidade, a entidade dispón de dous Centros de Rehabilitación Psicosocial e Laboral con 70 prazas totais, concertadas pola Consellería de Sanidade, e un Centro Ocupacional con capacidade para 20 usuarios e usuarias.

Visítanos en   Chámanos ao 981 080 509, escríbenos a  pel@dacoruna.gal , realiza unha consulta (formulario) ou solicita unha cita presencial X