Estás en:Emprego Novas

A Deputación colabora coa mostra bibliográfica do 75 aniversario de “As Cruces de pedra na Galiza”, a derradeira gran obra de Castelao

Antonio Leira destaca na inauguración  que a exposición "é unha boa oportunidade para redescubir o gran legado" do polígrafo rianxeiro e "para reafirmar o noso compromiso coa cultura e co patrimonio"

A mostra está organizada e producida polo Museo do Pobo Galego

A Deputación colabora coa mostra bibliográfica do 75 aniversario de “As Cruces de pedra na Galiza”, a derradeira gran obra de Castelao

Na inaguración da mostra participaron o director do Museo do Pobo Galego, Lois Ladra; o presidente da Fundación Castelao, Miguel Anxo Seixas; o deputado provincial da Deputación da Coruña, Antonio Leira; e a presidenta do Museo do Pobo Galego, Concha Losa

Hai 75 anos, no mes de decembro de 1949, un Castelao exiliado na Arxentina asinaba no seu leito de morte os primeiros pregos da que ía ser a súa derradeira obra publicada: As cruces de pedra na Galiza, o resultado de décadas de estudo desas particulares mostras de relixiosidade popular.

Con motivo desa conmemoración, durante este mes de decembro poderá verse no Museo do Pobo Galego a mostra bibliográfica "75 cabodano da sinatura de As cruces de pedra na Galiza". Unha selección bibliográfica en homenaxe ao máis coñecido polígrafo rianxeiro que inclúe unha escolma de fondos propios, entre os cales primeiras edicións de As cruces de pedra na Galiza e As cruces de pedra na Bretaña, así como bibliografía de Portugal, Irlanda, Bretaña, Illa de Man, Cornualles e Gales. Unha escolma, na que tamén hai obras cedidas por persoas socias e patróns, que parte da idea expresada hai décadas por Castelao de que non seremos conscientes da gran riqueza que temos en relación coas cruces de pedra até que coñezamos este fenómeno no resto de fisterras atlánticas, e que amosa a proliferación nestas sete décadas de numerosos estudos sobre as cruces de pedra nas diferentes fisterras atlánticas europeas.

Na inauguración da mostra participaron o director do Museo do Pobo Galego, Lois Ladra; o presidente da Fundación Castelao, Miguel Anxo Seixas; o deputado provincial da Deputación da Coruña, Antonio Leira; e a presidenta do Museo do Pobo Galego, Concha Losada.

No acto, Leira destacou que Castelao, "con esa mestura única de artista, intelectual e defensor da nosa identidade, soubo ver nos cruceiros algo máis ca pedra. Viu neles historias de fe, de loita e de memoria colectiva. Nesta obra, non só documentou e debuxou con precisión cada cruceiro, senón que tamén reflexionou sobre o seu significado, conectando o pasado co presente e o material co espiritual".

Leira subliñou que a exposición "é unha boa oportunidade para redescubir este gran legado" e "para reafirmar o noso compromiso coa cultura e co patrimonio".

A mostra, organizada e producida polo Museo do Pobo Galego coa colaboración da Deputación da Coruña poderá verse de martes a sábado, de 16:00 a 20:00 horas, agás os días 6 e 24 de decembro, que abrirá de 11 a 14 horas.

Conta co deseño gráfico e rotulación de Juan Feáns, e coa colaboración da Xunta de Galicia, a Deputación da Coruña, Vicepresidencia da Deputación de Lugo - Área de Cultura e a Rede Museística Provincial de Lugo - Museo Provincial de Lugo; amais do Concello de Santiago de Compostela.

Visítanos en   Chámanos ao 981 080 509, escríbenos a  pel@dacoruna.gal , realiza unha consulta (formulario) ou solicita unha cita presencial X