Estás en:Emprego Novas

Formoso destaca no Día da Constitución o valor do consenso fronte á crispación política actual

Censura os discursos de odio e intolerancia "que socavan a confianza da cidadanía nas institucións" e reivindica a "boa política, que consiste precisamente en tender pontes co obxectivo de lograr o ben común"

Formoso destaca no Día da Constitución o valor do consenso fronte á crispación política actual

O presidente da Deputación da Coruña, Valentín González Formoso, subliñou hoxe, no acto conmemorativo do 46 aniversario da Constitución Española celebrado no Pazo de Mariñán, a vixencia dos valores de diálogo, consenso e convivencia que inspiraron a Carta Magna de 1978. Nun momento de crecente crispación política, chamou a recuperar o "espírito do 78" como guía para afrontar os retos do futuro.

No acto, no que participaron tamén o delegado do Goberno en Galicia, Pedro Blanco, e a alcaldesa de Bergondo, Alejandra Pérez, o presidente lembrou que a Constitución foi o resultado dun pacto "amplo e xeneroso" tras décadas de ditadura, que permitiu construír un marco de convivencia democrática baseado na liberdade, a igualdade e a solidariedade. "Foi un exemplo de altura de miras e xenerosidade por parte de representantes políticos de posicións non só dispares, senón historicamente enfrontadas, que puxeron o ben común por enriba dos intereses partidistas", destacou.

No contexto actual, marcado pola polarización e confrontación permanente, o presidente alertou dos perigos do "tacticismo do canto peor, mellor; os discursos de odio e a intolerancia, que socavan a confianza da cidadanía nas institucións" e "perpetúan a idea de que as diferenzas son insalvables".

En contraposición, reivindicou a política que, "na súa esencia máis nobre consiste precisamente en tender pontes co obxectivo de lograr o ben común".

Tamén puxo en valor o carácter inclusivo da Constitución, que garante dereitos e liberdades a todas as persoas, mesmo a quen discrepa ou a cuestiona. "A súa grandeza reside en ser un marco plural e aberto, que serve de base para construír unha sociedade máis xusta e igualitaria", afirmou.

Finalmente, o presidente apelou a adaptar os valores constitucionais aos desafíos do século XXI, como a transición enerxética, o reto demográfico ou a protección do Estado do Benestar. "A celebración deste aniversario non debe ser só unha ollada ao pasado, senón unha inspiración para afrontar os retos de futuro con unidade e entendemento", concluíu.

Visítanos en   Chámanos ao 981 080 509, escríbenos a  pel@dacoruna.gal , realiza unha consulta (formulario) ou solicita unha cita presencial X