A Deputación subvenciona con 740.000 euros os gastos de persoal técnico dos servizos municipais de cultura en 2025
Este ano serán 61 concellos beneficiarios dunha liña de axudas que, segundo a deputada de Cultura, Natividade González, "contribuirá, desde o necesario respecto á autonomía municipal, ao mantemento e á mellora no recoñecemento do perfil profesional nos postos de traballo; neste caso, do persoal técnico de animación cultural e do encargado da xestión cultural"
A Deputación da Coruña investirá 739.478 euros no programa FO206, de subvencións a concellos e outras entidades locais para o financiamento dos gastos de persoal técnico nos servizos municipais de cultura en 2025. Son 61 os beneficiarios das axudas, que recibirán entre 5.000 e 15.000 € para o mantemento tanto dos postos de traballo de técnicas e técnicos en xestión cultural coma en animación sociocultural.
«Con esta liña de subvencións», explica González, «o departamento provincial de Cultura busca definir un marco que sirva para cumprir con dous obxectivos: dun lado, contribuírmos ao mantemento e á mellora no recoñecemento do perfil profesional nos postos de traballo xa existentes nos concellos. E, doutro, definirmos requisitos, coñecementos formativos, funcións e categorías profesionais; neste caso, do persoal técnico de animación cultural e do encargado da xestión cultural. E facémolo sempre desde o necesario respecto á autonomía municipal».
As axudas non só contribuirán á profesionalización das áreas de cultura municipais e ao mantemento do emprego no sector, segundo a deputada: "Tamén promoverán boas prácticas e fomentarán programacións culturais estables nos concellos, que, pensamos, son indispensables para achegar a cultura de calidade a toda cidadanía".
A relación dos 61 beneficiarios pode consultarse no BOP do 15 de xaneiro.