Estás en:Emprego Novas

Cultura da Deputación convoca as Residencias Artísticas Mariñán 2025

Seleccionará, coma na anterior edición, catro proxectos de música e outros catro de literatura e pensamento

As estadías desenvolveranse no Pazo de Mariñán entre 31 de marzo e o 11 de abril, divididas en dúas quendas no caso da musicais: as dúas primeiras propostas, do 31 de marzo ao 5 de abril, e do 6 ao 11 de abril as outras dúas

O prazo de presentación de solicitudes estará aberto do 28 de xaneiro ata 14 de febreiro

Cultura da Deputación convoca as Residencias Artísticas Mariñán 2025

As Residencias Artísticas Mariñán, un dos programas do departamento de Cultura da Deputación para o apoio á creación artística, chegan este ano á súa terceira edición. O BOP publica hoxe as bases dunha convocatoria que quere seguir reforzando propostas centradas non nas pezas ou nos resultados finais, senón nos procesos creativos, nun espazo singular, como é o Pazo de Mariñán, e poñendo a disposición dos participantes todos os medios para desenvolveren os seus proxectos con éxito e nas mellores condicións.

Seleccionaranse un máximo de catro proxectos do ámbito musical e outros catro dos eidos da literatura e do pensamento, nos que as creadoras e creadores poderán traballar no Pazo de Mariñán entre 31 de marzo e o 11 de abril. No caso das residencias musicais, as estadías dividiranse en dúas quendas: as dúas primeiras propostas, do 31 de marzo ao 5 de abril, e do 6 ao 11 de abril as outras dúas.

As solicitudes presentaranse de xeito telemático a través da Plataforma de tramitación electrónica da Deputación provincial da Coruña (SUBTEL). O prazo estará aberto do 28 de xaneiro ata 14 de febreiro. As bases da convocatoria poden consultarse e descargarse no BOP do 27 de xaneiro.

«Coas residencias de música», explica a deputada de Cultura, Natividade González, «queremos promover o desenvolvemento da produción musical galega desde unha ollada contemporánea e consciente; establecer un contexto de acompañamento e formación para mellorar a viabilidade e a profesionalización das producións, e crear sinerxías con outras residencias e programacións para fomentar o intercambio de propostas e artistas e mellorar a proxección das producións». «E coas residencias de literatura e pensamento», engade, «buscamos fornecer as condicións favorables para intensificar o proceso de creación literaria e o pensamento en contextos de traballo e aprendizaxe comunitarios».

Dotación das residencias
Durante a súa estadía, as creadoras e creadores terán á súa disposición:

  • Espazo de traballo no Pazo de Mariñán, con varias estancias de diferentes características adaptadas ás necesidades da creación e a formación.
  • Aloxamento en habitación de uso individual, en réxime de pensión completa no Pazo de Mariñán durante os días da residencia.
  • Acompañamento e seguimento da proposta por parte da persoa comisaria das residencias durante a estancia no Pazo de Mariñán, co fin de facilitar a viabilidade do proxecto (e a súa inserción no contexto musical profesional, no caso dos proxectos musicais).
  • Para as residencias de música, formación específica para a profesionalización e a distribución do proxecto por parte de persoas expertas e convidadas. Tamén visitas e reunións con outras e outros axentes culturais e programadores como apoio á continuidade da proposta dentro dos circuítos musicais.
  • Para as residencias literarias e de pensamento, tamén un encontro con persoas relacionadas co mundo da creación e do pensamento, convidadas durante unha xornada.

Os dous xurados que seleccionarán os proxectos estarán presididos pola deputada de Cultura e formarán parte de cada un deles tres persoas expertas de recoñecido prestixio. As persoas encargadas do comisariado son Aitana Cuétara nas residencias de música e Roberto Abuín nas de literatura.

Nas dúas anteriores edicións das residencias musicais, por Mariñán pasaron Berto, Caamaño&Ameixeiras, Mario G. Cortizo, Xacobe Martínez Cuarteto Federal, Chumba, aTorna, Cantometrics e Su Garrido Pombo. Grazas ás residencias de literatura e pensamento, traballaron no pazo bergondés Vanesa Martínez, Andrés Sanjurjo, Paula Domínguez, Judith Ruso, Esther Carrodeguas, Soraya Lema, Abraham Pérez, María Marco, Francisco Rodríguez Casal, Esperanza Mariño Davila, Laura Martínez Mateo e Carmen Marina Vidal Valiña.

En Mariñán empezaron a desenvolverse traballos coma "Quitar o aire", o último disco de Caamaño&Ameixeiras; o proxecto Cuarteto Federal, encontro entre catro talentos do jazz contemporáneo español: o galego Xacobe Martínez, o andaluz Javier Galiana, o catalán Guillem Arnedo e o canario Kike Perdomo; "Só un solo", que lle valeu a Mario G. Cortizo o Premio Martín Códax da música galega 2023; ou "Iribarne", texto teatral de Esther Carrodeguas que levou a escena, con grande éxito, o Centro Dramático Nacional.

Visítanos en   Chámanos ao 981 080 509, escríbenos a  pel@dacoruna.gal , realiza unha consulta (formulario) ou solicita unha cita presencial X