Estás en:Emprego

Jorge Sobral Fernández, Patricia Muñiz Núñez e Vicente Adrián López Chao gañan o III Premio Xoán Vicente Viqueira de Investigación en Ciencias Sociais da Deputación

A terceira edición do premio en memoria do filósofo, psicólogo e escritor co obxecto de recoñecer a actividade investigadora tanto de persoas físicas como xurídicas no eido social e das humanidades

Jorge Sobral Fernández, Patricia Muñiz Núñez e Vicente Adrián López Chao gañan o III Premio Xoán Vicente Viqueira de Investigación en Ciencias Sociais da Deputación

Yoya Neira, deputada de Educación e Mocidade, presidiu o xurado

Jorge Sobral Fernández, Patria Muñiz Núñez e Vicente Adrián López Chao. Son as candidaturas que o xurado da III edición do Premio Xoán Vicente Viqueira considerou como merecedoras do galardón nas tres modalidades das que se compón o recoñecemento, dotadas con 6.500 euros cada unha.

O xurado presidido pola deputada delegada especial de Educación e Mocidade, Yoya Neira, e integrado por Jesús Fernando Salgado, Cristina García, María Pilar Vieiro, Ricardo Antonio García Mira e Marta Fernández; e a xefa do Servizo de acción social, cultural e deportes da Deputación, Manuela Muñiz Souto, reuniuse o pasado 10 de febreiro. E tras o debate, propuxo de xeito unánime como gañadoras as citadas tres candidaturas do total de 11 presentadas.

Na modalidade de Premio á traxectoria de vida dedicada á investigación nalgún dos ámbitos das Ciencias Sociais ao longo dos últimos 30 anos recaeu en Jorge Sobral Fernández. O catedrático de Psicoloxía da USC e director do departamento de Ciencia Política e Socioloxía da USC destaca por ser un pioneiro na psicoloxía social en Galicia e na psicoloxía xurídica en España, así como un especialista destacado no ámbito da criminoloxía. De feito, as súas publicacións teñen un enorme impacto nacional e internacional, e destaca a súa preocupación pola transferencia do coñecemento científico á sociedade en xeral.

O Premio á innovación científica nalgún dos ámbitos das ciencias sociais, as humanidades, a sustentabilidade e a innovación socia foi para Patricia Muñiz Núñez, doutorada e docente na UDC no departamento de Proxectos Arquitectónicos, Urbanismo e Composición, ademais de fundadora do Estudio MMASA. Dela, o xurado valorou o alto nivel de transferencia e de utilidade social da súa investigación, centrada na vivenda de transición e realoxamento de persoas desprazadas por conflitos bélicos, desastres naturais ou consecuencias do cambio climático. Tamén destaca o alto interese social e a participación en investigacións de alto contido aplicado.

O Premio á calidade dun traballo de investigación realizado por unha persoa investigadora nova nalgún dos ámbitos das ciencias sociais, as humanidades, a sustentabilidade e a innovación social recaeu en Vicente Adrián López Chao, doutor e docente no departamento de Expresión Gráfica Arquitectónica da UDC. No seu caso, destaca o relevante impacto científico que fixo transcender a súa investigación do ámbito da arquitectura á educación e á psicoloxía ambiental. As súas publicacións teñen impacto en disciplinas moi diferentes, destacando o seu aspecto interdisciplinar.

Un premio en memoria do afán investigador e galeguista

A Deputación da Coruña dálle, deste xeito, continuidade a un galardón que leva o nome de Xoán Vicente Viqueira en memoria do filósofo, psicólogo e escritor Xoan Vicente Viqueira Cortón, que naceu en Madrid pero viviu ata os 12 anos en Vixoi (Bergondo) e que desenvolveu investigacións no eido do pensamento filosófico e apostou polo progreso da educación, sempre co galego por bandeira.

O obxectivo deste certame é o de recoñecer a actividade de investigación e innovación levada a cabo por persoas ou entidades que teñan destacado no eido das ciencias sociais e humanidades.

Visítanos en   Chámanos ao 981 080 509, escríbenos a  pel@dacoruna.gal , realiza unha consulta (formulario) ou solicita unha cita presencial X