Estás en:Emprego Novas

A deputada de cultura destaca na presentación do Día de Rosalía “o símbolo de identidade que representa a nosa autora máis universal”

A deputada de cultura, Natividade González participou esta mañá na presentación da programación do Día de Rosalía da Fundación Rosalía

"É unha honra estar hoxe aquí, celebrando, reflexionando e reivindicando a nosa autora máis universal, porque Rosalía non é só patrimonio da nosa literatura, senón tamén un símbolo de identidade, compromiso e modernidade" sinalou Natividade González durante a súa intervención

A deputada de cultura destaca na presentación do Día de Rosalía “o símbolo de identidade que representa a nosa autora máis universal”

A Casa de Rosalía acolleu esta mañá a presentación oficial da programación do Día de Rosalía que, baixo o nome 'Rosalía é Mundial', inclúe a publicación durante as vindeiras semanas de vídeos de xente da cultura de todo o mundo recitando a Rosalía, así como os actos oficiais en Santiago e Padrón con música dos Carapaus e de Antía Muíño; o 'Caldo de Gloria' ou a 'Alborada para Rosalía', entre moitos outros.

A deputada de cultura, Natividade González, estivo na presentación acompañada do presidente da Fundación Rosalía de Castro, Anxo Angueira; a presidenta da Fundación Xistral, Cristina Juncal; o secretario xeral de Cultura, Anxo M. Lorenzo; o alcalde de Padrón, Anxo Arca; e o representantes da Asociación de Gaiteiros, Gustavo Couto e Olimpio Xiráldez.

González sinalou que é "unha honra estar hoxe aquí, un ano máis, un tempo de celebración, reflexión e reivindicación arredor da nosa autora máis universal" nunha cita "imprescindible, coa que estamos encantadas de colaborar, porque Rosalía non é só patrimonio da nosa literatura, senón tamén un símbolo de identidade, compromiso e modernidade". A deputada tamén puxo en valor o traballo da Fundación Rosalía de Castro: "Cada febreiro, a súa voz resoa con forza renovada grazas a todas as iniciativas que se organizan desde esta Fundación e desde tantos colectivos e institucións que fan posible que a súa obra e o seu legado sigan vivos".

Ademais, Natividade González animou a celebrar a Rosalía "lendo os seus versos, escoitando a súa música, recitando os seus poemas e reflexionando sobre a súa mensaxe, que segue sendo unha guía para a nosa cultura e para a nosa sociedade".

A deputada rematou a súa intervención reafirmando o compromiso da Deputación "coa difusión da obra rosaliana e co apoio ás actividades que fan que a súa figura chegue a todas as xeracións" xa que, apuntou "Rosalía é presente e é futuro, é inspiración e é loita, é a voz de Galiza que nunca cala".

Visítanos en   Chámanos ao 981 080 509, escríbenos a  pel@dacoruna.gal , realiza unha consulta (formulario) ou solicita unha cita presencial X