Abre o prazo para inscribirse no Certame de Teatro Escolar e Afeccionado da Deputación da Coruña
Xa está aberto o prazo para que todas as compañías e centros educativos que así o desexen poidan inscribirse no XXVI Certame de Teatro Escolar e Afeccionado da Deputación da Coruña.
Ata o domingo 23 de febreiro de 2025 (inclusive) as compañías e/ou centros educativos interesados poderán formalizar a súa inscrición.
Na web do IES Rosalía Mera (www.iesrosaliamera.com) na sección dedicada ao certame de teatro está toda a información relativa a esta edición, na que se atopan as bases para coñecer os requisitos de participación no certame teatral e as súas condicións, rider técnico, plano de escenario, modelos oficiais de documentación, así como o enlace ao formulario en liña de inscrición.
Unha vez finalizado o período de inscrición, procederase a deseñar e publicar o antes posible o calendario de actuacións. Así mesmo, fixarase unha data para a reunión cos representantes das diferentes compañías e centros educativos participantes para antes do comezo do certame.
As obras distribuiranse nas categorías benxamín, infantil, cadete e afeccionado; representaranse nas instalacións do IES Rosalía Mera (A Coruña) durante os meses de marzo, abril, maio e xuño.
A gala de entrega de premios celebrarase no Teatro Colón o día 20 de xuño.