O Festival Rosalía acolle a presentación de “Rosalía Oculta”, de Paula Mayor, obra gañadora do Premio Castelao de Banda Deseñada no 2023
A deputada de cultura, Natividade González e a autora, Paula Mayor, presentaron onte o comic, publicado pola editorial Galaxia, acompañadas da comisaria dos premios literarios, Susana Pedreira e de Marcos Calveiro, da editorial, no marco do Festival Rosalía que organiza a Deputación co Concello de Santiago
O prazo para participar no premio Castelao de Banda Deseñada deste 2025, convocado pola área de cultura da Deputación, está aberto ata o 10 de abril

O Festival Rosalía, unha cita organizada pola Deputación e o Concello de Santiago durante os días 21, 22 e 23 de febreiro para render homenaxe a Rosalía de Castro, acolleu onte pola tarde a presentación da obra gañadora do Premio Castelao de Banda Deseñada no 2023: Rosalía Oculta, de Paula Mayor. A propia autora foi a encargada de explicar os detalles do cómic, publicado pola Editorial Galaxia, acompañada da deputada de cultura, Natividade González; da comisaria dos premios literarios, Susana Pedreira, e do director da editorial, Marcos Calveiro.
O certame Castelao de Banda Deseñada, cuxa convocatoria de 2025 está aberta – ata o 10 de abril – premiou na categoría xeral a esta obra, pola "orixinalidade coa que abordou o xénero biográfico sen necesidade de caer no relato histórico, co fin de darlle máis peso á parte humana da escritora" salientaba o xurado. Outro factor que sumou puntos foi a estética: "moi delicada, que casa perfectamente co espírito romántico e decimonónico da obra de Rosalía de Castro".
A deputada de cultura, Natividade González, salientaba durante a presentación o "orgullo" que supón "ver como obras como esta Rosalía Oculta ou moitas outras que premiamos acaban tendo un percorrido tan interesante". Tal e como sinalou, "ese é o noso compromiso e creo que debería ser o de todas as administracións públicas: apoiar o talento, apostar realmente polas nosas letras, a nosa cultura, e tamén por un xénero como a novela gráfica que, ademais, nos está dando tantas alegrías no panorama internacional".
Natividade González parabenizou o traballo de Paula Mayor e agradeceulle "a valentía" por "afondar na nosa autora máis emblemática e universal e amosarnos esa faceta súa que vai máis aló do mito, desa feminista, loitadora, reivindicativa e activista de todas as causas xustas para amosarnos a unha Rosalía máis humana, na súa vida cotiá e chea de matices, como todas nós".