Estás en:Emprego

Formoso advirte no 14º Congreso de UGT-Galicia de que os dereitos laborais conseguidos “non están garantidos nin son inamovibles”

O presidente da Deputación recoñeceu "o traballo e compromiso" de José Antonio Gómez durante case dúas décadas á fronte de UGT-Galicia e ofreceu "apoio e colaboración" á nova dirección que sairá deste congreso

Formoso advirte no 14º Congreso de UGT-Galicia de que os dereitos laborais conseguidos “non están garantidos nin son inamovibles”

O presidente da Deputación da Coruña, Valentín González Formoso, participou hoxe na inauguración do 14º Congreso Nacional de UGT-Galicia, onde alertou de que a conquista de dereitos en materia laboral ao longo de moitos anos "non están garantidos nin son inamovibles" e quixo recoñecer o traballo e o compromiso de José Antonio Gómez, secretario xeral da organización sindical durante as últimas dúas décadas e que deixa o cargo.

Como exemplo desta ameaza, Formoso citou casos que se están dando en  "democracias consolidadas que teñen unha influencia social, económica e política enorme" no futuro do noso país. "Os seus presidentes usan unha motoserra como símbolo do seu mandato, consideran aos empregados públicos como representantes do demo ou din que as políticas arancelarias son a ferramenta para poñer orde no mundo, aínda sabendo que iso se vai concretar en centos de miles de despidos e moito sufrimento para a clase traballadora", lamentou.

Ante esta circunstancia, o titular do goberno provincial destacou a necesidade "máis ca nunca de sindicalismo, pero non de calquera clase de sindicalismo". "No momento no que Europa se xoga existir e o mundo se xoga ser dunha maneira ou doutra, necesitamos sindicatos non nacionalistas, senón europeístas, necesitamos sindicatos non populistas, senón realistas", manifestou.

Neste sentido, Formoso lembrou o traballo dos sindicatos na consecución de dereitos laborais citando a figura de Pablo Iglesias, fundador da UGT, quen "hai 135 anos considerou que era imposible acadar o obxectivo de alcanzar unha vida digna para os traballadores e traballadoras deste país se non era dun xeito organizado, como clase traballadora".

O presidente da Deputación explicou que "o tempo deulle a razón" a Pablo Iglesias, xa que "a consecución de obxectivos en canto a horarios, convenios colectivos para mellorar e estabilidade laboral, dos avances en materia de igualdade, de Seguridade Social e de cobertura por desemprego teñen por detrás esa ferramenta organizada dos sindicatos, liderada de xeito evidente pola UGT, o sindicato máis antigo de España", afirmou.

Formoso destacou "o traballo e compromiso" de José Antonio Gómez á fronte de UGT-Galicia durante case dúas décadas e ofreceu a "colaboración e apoio" da Deputación da Coruña á nova dirección que sairá deste congreso.

Visítanos en   Chámanos ao 981 080 509, escríbenos a  pel@dacoruna.gal , realiza unha consulta (formulario) ou solicita unha cita presencial X