Estás en:Emprego Novas

Formoso destaca o compromiso do Ministerio de Defensa e a colaboración institucional como “claves para pór en marcha o proxecto Abrir Ferrol ao Mar”

A ministra de Defensa, Margarita Robles, acudiu á sinatura do protocolo que permitirá o derrubamento da muralla do Arsenal Militar

Formoso destaca o compromiso do Ministerio de Defensa e a  colaboración institucional como “claves para pór en marcha o proxecto Abrir Ferrol ao Mar”

O presidente da Deputación, a ministra de Defensa, o alcalde de Ferrol e o almirante xefe do Arsenal de Ferrol na súa chegada a Exponav, onde se asinou o protocolo

O presidente da Deputación da Coruña, Valentín González Formoso, asistiu hoxe ao acto de sinatura do protocolo entre a Armada e o Concello de Ferrol para o desenvolvemento do proxecto 'Abrir Ferrol ao Mar'. O evento, celebrado no Museo da Construción Naval (Exponav), contou coa presenza da ministra de Defensa, Margarita Robles, do almirante xefe do Estado Maior da Armada, Antonio Piñeiro, e do alcalde de Ferrol, José Manuel Rey Varela, entre outras autoridades.

Formoso destacou a importancia estratéxica deste proxecto, que supón un fito na transformación urbana da cidade, permitindo a integración do barrio da Magdalena co mar a través do derrubamento da muralla do Arsenal Militar. "Este proxecto simboliza a colaboración entre administracións para facer de Ferrol unha cidade máis accesible, máis atractiva e con maior proxección de futuro", subliñou o presidente provincial ao remate do acto, agradecendo tamén "o compromiso do Ministerio de Defensa para facer realidade este proxecto".

A ministra de Defensa, Margarita Robles, reafirmou o compromiso "absoluto" do seu departamento coa cidade e coa Armada, sinalando que "cando hai ilusión, os proxectos saen adiante". Pola súa banda, o almirante xefe do Estado Maior da Armada explicou que se garantirá a seguridade do recinto militar coa implantación do primeiro sistema de seguridade intelixente da Armada, baseado en intelixencia artificial.
No acto púxose de manifesto o consenso acadado entre todas as administracións implicadas no proxecto, que traballan conxuntamente para que esta iniciativa se materialice.

Visítanos en   Chámanos ao 981 080 509, escríbenos a  pel@dacoruna.gal , realiza unha consulta (formulario) ou solicita unha cita presencial X