Estás en:Emprego Novas

A Deputación da Coruña destaca o seu apoio á Semana Santa de Ferrol na presentación da revista Ecce Homo e do procesionario de 2025

A Deputación da Coruña destaca o seu apoio á Semana Santa de Ferrol na presentación da revista Ecce Homo e do procesionario de 2025

A Deputación da Coruña reafirmou hoxe o seu compromiso coa Semana Santa de Ferrol durante a presentación da revista Ecce Homo e do procesionario da edición de 2025. O acto contou coa participación da deputada provincial Rosa Ana García, así como de representantes das cinco confrarías da cidade.
Durante a súa intervención, Rosa Ana García destacou a importancia desta festividade, recoñecida como Festa de Interese Turístico Internacional, tanto polo seu valor relixioso e cultural como polo seu impacto económico e turístico.
"A Semana Santa de Ferrol é unha tradición que se mantén viva grazas ao traballo incansable das confrarías, que cada ano fan posible un impresionante programa de procesións durante oito días intensos e apaixonantes. Desde a Deputación da Coruña sentimos un inmenso orgullo por apoiar esta celebración, que enche as rúas de visitantes e proxecta a imaxe de Ferrol máis alá das nosas fronteiras", sinalou.
A deputada tamén puxo en valor a colaboración da Deputación na difusión da Semana Santa de Ferrol a través da súa imprenta provincial, encargada da edición da revista Ecce Homo, do cartel e do procesionario. "Garantimos así a calidade destas publicacións e contribuímos a que esta tradición chegue a todas as persoas que a viven con devoción e admiración", afirmou.
Por último, Rosa Ana García reafirmou o compromiso da Deputación para seguir colaborando coas confrarías non só no apoio á organización das procesións, senón tamén no labor social que realizan durante todo o ano en favor dos colectivos máis vulnerables.

Visítanos en   Chámanos ao 981 080 509, escríbenos a  pel@dacoruna.gal , realiza unha consulta (formulario) ou solicita unha cita presencial X