A Deputación da Coruña destaca o traballo da Confraternity de Saint James na sinalización do Camiño Inglés no Reino Unido

O deputado provincial Antonio Leira recibiu esta mañá na sede da Deputación da Coruña a David Sinclair, voluntario da Confraternity of Saint James, que estes días está a realizar o Camiño Inglés en terras galegas.
Durante o encontro, Sinclair fixo entrega dunha miniatura da cruz que adorna a Cross House, situada xunto á igrexa de Saint James en Bramley (Hampshire), como símbolo de agradecemento polo apoio prestado pola Deputación da Coruña á sinalización de difusión internacional desta ruta xacobea.
A Confraternity of Saint James é unha entidade británica sen ánimo de lucro, integrada por voluntarios, que traballa desde hai anos para difundir a experiencia do Camiño de Santiago tanto no Reino Unido como en España. Grazas á colaboración coa Deputación da Coruña, a organización logrou sinalizar o Camiño Inglés en Inglaterra cun total de máis de 500 sinais, facilitando así o percorrido aos peregrinos e camiñantes que deciden iniciar a ruta desde aquel país.
As novas balizas, de cor azul escuro con frechas amarelas e a tradicional cuncha de vieira —símbolo universal do Camiño de Santiago— permiten identificar claramente o itinerario, contribuíndo á súa difusión internacional e á posta en valor deste itinerario xacobeo histórico.
Leira destacou a importancia da colaboración de entidades británicas como a Confraternity de Saint James que permiten promocionar o Camiño Inglés como motor cultural, turístico e económico.