Estás en:Emprego

A Deputación da Coruña recalca o traballo das empresas turísticas da Costa da Morte para crear “unha comarca de referencia” en Galicia e no Estado

O deputado de Patrimonio, Xosé Penas, acudiu á entrega de diplomas SICTED a 35 establecementos da CMAT distinguidos polo seu compromiso coa calidade turística

A Deputación da Coruña recalca o traballo das empresas turísticas da Costa da Morte para crear “unha comarca de referencia” en Galicia e no Estado

O deputado das áreas de Contratación e Patrimonio, Xosé Penas, acudiu onte á entrega dos diplomas SICTED a 35 establecementos da Costa da Morte, distinguidos polo seu compromiso coa calidade turística. Durante a súa intervención no acto, celebrado no Centro Sociocultural de Baio, Penas quixo recalcar e "recoñecer o traballo de calidade e excelencia" das empresas turísticas da Costa da Morte: "Co voso esforzo contribuídes a ter unha comarca de referencia non soamente no noso país, senón en todo o Estado".

"Falar de turismo e da excelencia da calidade é algo sumamente transversal. Por iso, dende Patrimonio da Deputación tamén apostamos sempre pola combinación no traballo e na xestión turística dende o punto de vista da propia excelencia e do respecto polo patrimonio e a cultura", explicou Penas, para quen a palabra patrimonio debe ir "en maiúsculas": "Non implica só a xestión física, senón o respecto máximo por todos aqueles elementos que nos envolven".

A Deputación da Coruña brindou apoio á Costa da Morte Asociación Turística (CMAT), que foi a entidade responsable da entrega dos diplomas distintivos aos 35 establecementos distinguidos polo Sistema de Calidade Turística en Destino na anualidade do 2024. O SICTED trátase dun proxecto da Secretaría de Estado de Turismo cunha metodoloxía propia, que contribúe a implantar un sistema de xestión de calidade contando cos axentes turísticos locais públicos e privados que conteñen este distintivo de compromiso e pasar a formar parte da rede española de destinos SICTED.
O proceso de formación, asesoría e avaliación comezou en xuño de 2023 e foi a Mesa de Calidade, composta pola Deputación da Coruña, CMAT, Turismo de Galicia e SICTED a que elevou a proposta de certificación dos 35 distintivos no Ciclo 1 de 2024. De xeito concreto trátanse de oito restaurantes e empresas turísticas de cátering, seis museos e centros de interese turístico, 12 hoteis e apartamentos turísticos, tres aloxamentos rurais, dous artesáns, dúas oficinas de información turística e un comercio.

O proxecto, apoiado pola Deputación da Coruña a través das axudas aos entes de xestión turística, ten vocación de continuar. De feito, para a anualidade 2025 abrirase unha nova convocatoria, co obxectivo de ir paulatinamente incorporando á totalidade da cadea de valor do turismo da Costa da Morte.

Visítanos en   Chámanos ao 981 080 509, escríbenos a  pel@dacoruna.gal , realiza unha consulta (formulario) ou solicita unha cita presencial X