Bernardo Fernández destaca “a importancia dos investimentos da Deputación para transformar Arzúa”
O deputado Bernardo Fernández visitou o municipio para supervisar as obras da rúa Fraga do Rei e o Parque da Feira, financiadas con fondos provinciais
A Deputación investiu en Arzúa máis de 10 millóns de euros a través do Plan Único, o que permitiu financiar 59 obras de mellora urbana, servizos públicos, accesibilidade e infraestruturas ao longo dos últimos anos

O deputado portavoz do Goberno provincial, Bernardo Fernández Piñeiro, visitou o municipio de Arzúa para supervisar, xunto co alcalde Xesús Carril e os edís e tenentes de alcalde José Luís García e Begoña Balado, dúas obras cofinanciadas pola Deputación da Coruña no municipio: a humanización da rúa Fraga do Rei e a renovación integral do Parque da Feira da localidade, que pasará a denominarse Ana Kiro unha vez completadas as obras. Dúas actuacións que exemplifican a aposta da institución provincial pola mellora da calidade de vida nos municipios.
A visita enmárcase na aposta do Goberno provincial por achegar recursos aos concellos para que sexan eles mesmos os que decidan en que prioridades investir. Neste caso, Arzúa recibiu máis de 10 millóns de euros a través do Plan Único, que fixeron posible 59 obras de mellora urbana, servizos públicos, accesibilidade e infraestruturas ao longo dos últimos anos.
Na rúa Fraga do Rei, supervisaron os avances da segunda fase das obras de humanización, adxudicadas por 482.000 euros. A intervención inclúe a renovación completa do viario, ampliación de beirarrúas, renovación das redes de abastecemento e saneamento, instalación de mobiliario urbano, así como a mellora da accesibilidade e seguridade peonil.
Posteriormente, desprazáronse ao Parque da Feira, un espazo emblemático para o lecer da veciñanza, onde se executaron traballos de mellora e rexeneración cun investimento de 167.000 euros. As obras permitiron renovar o pavimento, ampliar as zonas verdes e facer deste espazo un lugar máis atractivo e funcional para a cidadanía.
Bernardo Fernández destacou que "estas dúas obras son un exemplo do que representa o Plan Único: investimentos decididos polos propios concellos, centrados nas súas prioridades e pensados para mellorar a vida da veciñanza". Tamén puxo en valor "a colaboración institucional entre a Deputación e o Concello de Arzúa para transformar espazos públicos e facer de Arzúa un lugar máis amable e moderno".
Fernández lembrou que a achega inicial do Plan Único increméntase este ano nun 72%, o que suporá unha dotación inicial para Arzúa de 1,3 millóns de euros.
Neste sentido, incidiu en que "este ano, por primeira vez, a Deputación da Coruña investirá máis nos 93 concellos da nosa provincia que a Xunta nos 313 concellos galegos", polo que instou ao goberno autonómico "a mellorar o sistema financiamento municipal e facelo con criterios obxectivos e transparentes, como fai a Deputación".