A Deputación prevé rematar en maio a remodelación integral da avenida de Santa Cristina, na que inviste 1,7 millóns de euros
Valentín González Formoso e Ángel García Seoane visitaron hoxe as obras, que suporán "a revitalización de Santa Cristina" e estarán rematadas antes de verán
A estrada de acceso á praia conta cun novo deseño máis estético, accesible e con máis espazo peonil co fin de convertela nun bulevar que beneficie tamén a actividade dos negocios da zona

A Deputación da Coruña prevé rematar en maio as obras de remodelación integral da avenida de Santa Cristina, en Oleiros, nas que inviste 1,7 millóns de euros.
Así o anunciaron esta mañá o presidente Valentín González Formoso, e o alcalde de Oleiros e deputado provincial, Ángel García Seoane, durante a visita que realizaron ás obras acompañados pola deputada responsable da área provincial de Vías e Obras, Mónica Rodríguez, enxeñeiros e técnicos do departamento.
As obras supoñen a remodelación integral da avenida, que a Deputación reformou por última vez a finais dos anos 70, que contaba cuns pavimentos moi deteriorados e non cumpría as condicións actuais de accesibilidade.
"Estamos ampliando as beirarrúas, dotando á avenida de novos pavimentos, creando zonas axardinadas, corrixindo os problemas de accesibilidade e renovando servizos como a recollida de pluviais e o alumeado para crear unha travesía máis estética, segura, accesible e con máis espazo e protagonismo para os peóns", explicou o presidente da Deputación, que destacou que este é un dos investimentos máis importantes que están acometendo actualmente nos máis de 2.000 quilómetros da provincial de estradas.
"É un investimento moi importante nunha obra que ao principio sempre xera algunha molestia. Hai que esperar ao remate da obra para comprobar que o resultado merece a pena", afirmou o presidente.
Pola súa banda, o alcalde de Oleiros, Ángel García Seoane, sostivo que a obra suporá "un cambio total, unha revitalización de Santa Cristina, que se ve xa en moitos empresarios que están xa mellorando os seus locais". Apuntou tamén que "en xeral, a veciñanza está encantada" e que da obra poderá gozar a xente de toda a comarca que visita con frecuencia Santa Cristina.
"A obra é esperada e marabillosa, ten algunhas cousiñas que estamos vendo hoxe para mellorar", afirmou o alcalde de Oleiros, que agradeceu o compromiso do presidente da Deputación para facer realidade este ansiado proxecto.
As obras, que comezaron en abril de 2024, experimentan un atraso no prazo de execución previsto inicialmente, xa que a obra foise desenvolvendo por tramos para tratar de minimizar o impacto nunha avenida que dá acceso á praia e que conta con numerosos locais de hostalaría.
Reurbanización integral
As obras da Deputación están reordenando completamente esta transitada avenida, reordenando e humanizando o espazo con beirarrúas máis amplas, puntos de encontro e áreas axardinadas. Tamén se instalará novo mobiliario urbano e levaranse a cabo actuacións que redundarán nunha notable mellora estética de toda a travesía.
As obras conservan as prazas de aparcamento debido á forte demanda de estacionamento na contorna, cun novo deseño máis accesible e estético e integrando na planificación as árbores xa existentes. A vexetación terá un maior protagonismo tras a remodelación e mediana que separa os carrís de circulación será reducida para dotar dunha maior sección transversal ás beirarrúas na marxe esquerda.
Tamén se procedeu á renovación do alumeado público, con novos báculos de iluminación nas marxes da estrada que xa están instalados.
Entre as obras pendentes aínda de executar está a execución completa do último tramo da avenida, o máis próximo á praia, que contará con maior espazo peonil; a execución da nova mediana entre os carrís de circulación e pavimentación completa da calzada, a plantación de árbores e dotación de zonas verdes, a colocación do novo mobiliario e equipamento e a retirada dos postes de electricidade, cuestión esta última que depende de Unión Fenosa, xa que as canalizacións para o soterramento das liñas xa está construída.