Estás en:Emprego

A Deputación e o Concello de Valdoviño asinan o convenio para a execución da nova senda ciclista e peonil entre a lagoa da Frouxeira e Meirás

Suporá un investimento de preto de 400.000 euros para a construción dun itinerario de 8 quilómetros

A Deputación e o Concello de Valdoviño asinan o convenio para a execución da nova senda ciclista e peonil entre a lagoa da Frouxeira e Meirás

O presidente da Deputación da Coruña, Valentín González Formoso, e o alcalde de Valdoviño, Alberto González, asinaron este venres na sede da institución provincial o convenio que permitirá poñer en marcha as obras da nova senda ciclista e peonil que conectará a lagoa da Frouxeira co campo de fútbol de Meirás, a través da estrada AC-116 ao seu paso por Lago. No acto estivo tamén a deputada de Emprego, Industria e Medio Ambiente, Rosa Ana García.

O acordo formaliza a encomenda de xestión aprobada polo pleno municipal, pola que o Concello delega na Deputación a contratación e execución do proxecto.

A actuación, promovida polo Concello e financiada con fondos europeos Next Generation no marco do programa DUS 5000 para municipios en reto demográfico, suporá un investimento de preto de 400.000 euros. En concreto, destinaranse 377.248,91 euros á creación dun itinerario ciclista e peonil de 8 quilómetros, que favorecerá a mobilidade activa, a protección ambiental e a seguridade viaria.

O proxecto desenvolverase en tres tramos. O primeiro comprende a zona entre o estacionamento da praia e o camiño que bordea a lagoa, onde se construirá unha plataforma única con dous carrís bici de dobre dirección, un carril para corredores, e manterase o paseo de lousa para peóns, reducindo a calzada a un único sentido de circulación para vehículos.

O segundo tramo, desde Lago ata a estrada do faro de Meirás, contará cunha senda segregada mediante elementos de madeira, mentres que no terceiro, ata o campo de fútbol, instalaranse separadores de caucho e ampliarase a calzada con terreos municipais e da cooperativa de Meirás, que foron cedidos para facilitar a intervención.

O presidente da Deputación da Coruña, Valentín González Formoso destacou que "proxectos coma este permiten avanzar cara a unha mobilidade máis sostible e segura, mellorando a calidade de vida da veciñanza e poñendo en valor espazos naturais singulares interese como a lagoa da Frouxeira".

Formoso enmarcou o proxecto na aposta da institución provincial pola mobilidade sostible, con iniciativas como a Vía Verde Compostela Tambre-Lengüelle, a maior de Galicia; a senda ZEC, con 26 quilómetros ciclables nos municipios de Abegondo, Betanzos, Bergondo e Carral ou a Rede Ciclista Metropolitana da Coruña.

Pola súa banda, o alcalde de Valdoviño, Alberto González, agradeceu a colaboración da Deputación para converter este proxecto en realidade e destacou a importancia da colaboración institucional para a acometelo.

O alcalde subliñou que a senda "é unha vella demanda que agora podemos facer realidade grazas ao traballo conxunto de Concello e Deputación e aos fondos europeos e que ademais pode ter unha continuidade proximamente nun actuación que estamos abordando coa Autoridade Portuaria para que poda chegar ao faro da Frouxeira".

Visítanos en   Chámanos ao 981 080 509, escríbenos a  pel@dacoruna.gal , realiza unha consulta (formulario) ou solicita unha cita presencial X